OurenseÚltima hora

O estudo poboacional do lobo ibérico prosegue coa toma de mostras de campo, escoitas e seguimentos

 

Avanzan os labores de actualización do estudo poboacional do lobo ibérico coa toma de mostras de campo (recollida de excrementos), seguimento dos itinerarios polos que se moven os exemplares presentes na Comunidade e instalando estacións de escoita-ouveo.

Os traballos, que desenvolve a  Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e que comezaron en xuño, prolongaranse ao longo de todo o ano co obxectivo de cubrir os 29.000 km cadrados de superficie da Comunidade que pode habitar esta especie.

Medio Ambiente adxudicou o contrato para a actualización do estudo poboacional do lobo ibérico en Galicia, por un importe de 63.600 euros, á empresa Arena Asesores en Recursos Naturais, co obxectivo de actualizar os traballos oficiais de censado que se fixeron entre os anos 2013 e 2015, utilizando a mesma metodoloxía que se empregou entón para así poder facer comparacións.

Durante os meses de xuño a outubro deste ano levaranse a cabo traballos de campo mediante a realización de itinerarios de seguimento, recollida de excrementos e estacións de escoita-ouveo para a detección de lobo ibérico, sobre un total de 326 cadros UTM de 10 quilómetros lado, o que suporá preto de 29.000 quilómetros cadrados de superficie censal.

Os traballos comezaron cunhas xornadas formativas para o persoal da Consellería para informalos do protocolo a seguir, intercambiar información dispoñible nese momento e coordinar todas as actuacións que xa se están a levar a cabo.

A Xunta considera que “é imprescindible revisar esta información e actualizala para dispor dun aval técnico e científico no que poder apoiarse para tomar calquera decisión que poida afectar a esta especie”.

Artigos relacionados

Back to top button