
“As rodas do Bronce Final en Galicia: entre os mortos e para os vivos” é o título dunha xornada que se celebrará o vindeiro 4 de xullo na sede do Consello da Cultura Galega en Santiago, enmarcada nos “Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural 47”. O encontro, no que se abordarán xacementos como o ourensán dos Castrullos (A Senra, Forcas, Parada de Sil), está coordinado por Francisco Alonso Toucido, Xurxo Ayán Vila, Luis Cordeiro Maañón, Rodrigo Paulos Bravo, Pilar Prieto Martínez e será organizado pola Sección de Patrimonio e Bens Cultura do CCG.
As «rodas» son un tipo de xacemento de recente descubrimento. No ano 2006, nunha actividade de tipo preventivo documentouse a primeira, «A Roda de Barreiros», catalogada como un castro de pequeno tamaño e que, no curso das escavacións, foi interpretada como o primeiro xacemento de tipo henge de Galicia. Desde ese momento esta clase de xacementos foi de grande interese tanto para a investigación como para a sociedade, explican os promotores do encontro.
“Actualmente, a pesar de que hai aínda controversias relacionadas coa interpretación da función e o contexto destes sitios arqueolóxicos, xa podemos abordar a súa cronoloxía, os materiais e as estruturas que albergan, pois hai oito xacementos escavados parcialmente. Malia que podemos falar de que este tipo de xacementos son do Bronce Final, en realidade estamos contando unha pequena parte da súa extensa e complexa historia, porque estes xacementos presentan unha duración longa no tempo, desde a súa construción ata o seu abandono”, continúan os coordinadores.
Neste momentos están cartografados máis de medio cento de xacementos deste tipo en Galicia e xa empezan a apreciarse patróns de poboamento na rexión. Nestas xornadas preténdese dar a coñecer, “por primeira vez en detalle, cada un dos xacementos escavados da man das persoas que dirixiron os traballos. Ademais, introducirase de forma preliminar unha caracterización territorial deles”, din os promotores. “Preténdese albergar un foro de discusión construtivo sobre este novo fenómeno monumental na Prehistoria do noroeste ibérico que quizais podería relacionarse cos cambios que se desenvolveron en Europa entre finais do segundo milenio e mediados do primeiro antes de Cristo”, conclúen.
Máis información e inscricións en