OurenseÚltima hora

O Festival Atlántica de narración oral recala por vez primeira en Ourense

A contadora Sofia Maul, de Madeira, ofrecerá unha función infantil no mediodía do 18 de marzo no Auditorio da Biblioteca Municipal

 

A narradora Sofía Maul actuará en Ourense no marco do Festival Atlántica./ Foto cedida.

“Contos da illa do medio do mar” será o título da primeira actividade de narración oral que o Festival Atlántica, que cumpre xa cinco anos de vida como punto de encontro internacional de contadores, realizará na cidade de Ourense. Estará destinada ao público infantil e virá da man da contadora Sofia Maul, de Madeira. Trátase dunha actuación gratuíta que terá lugar a partires das 12 horas do 18 de marzo no Auditorio da Biblioteca Municipal de Ourense.

“Os máis cativos poderán viaxar ata un lugar onde medran dragos e por onde pasaron mariñeiros dos catro recantos do mundo. De aló chegaron historias que amosan o grande e marabilloso que é o mundo, tanto o real como o imaxinario. Contos de viaxes reais e fantásticas que serven para pensar, rir e medrar”, adiantan dende a organización do festival. A inclusión da cidade das Burgas dentro del Atlántica ten sido posible grazas á colaboración da Biblioteca Pública de Ourense.

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, nacía no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela e cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. “O seu obxectivo é indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar”, segundo os seus promotores.

Toda a información relacionada co programa e cos artistas pódese consultar na web http://festivalatlantica.com

 

Cartel da actuación do Festival Atlántica en Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button