OurenseÚltima hora

O Festival de Cine Internacional de Ourense fai público o palmarés da súa 27ª edición

Os galardóns da Sección Oficial entregaranse este venres 30 no Auditorio Municipal nunha gala na que tamén se darán a coñecer o Premio Xacobeo e o Premio do Público

 

O xurado da Sección Oficial de Longametraxes da 27ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense, composto polo director Alfonso Zarauza, Marta Villar, Belén Macías, Frank Spano e David Bonneville acorda outorgar o seguinte palmarés:

Calpurnia á mellor película para RESTOS DO VENTO (Portugal/Francia), de Tiago Guedes. Polo seu sobrio e asombroso poderío visual e narrativo que logra con audacia facer unha película de sorprendente e misteriosa forza fílmica que, sen deixar de ser exquisita e sen facer concesións efectistas, ten a capacidade de volverse tamén atractiva para un público amplo.

Premio Carlos Velo á Mellor Dirección para Radivoje Andric por HOW I LEARNED TO FLY (Serbia/Croacia/Bulgaria/Eslovenia). Pola soprendente intelixencia e beleza dunha película ideada para un público preadolescente ao que fala sen andrómenas do descubrimento do sexo, do amor, da vida e da morte dunha maneira intelixentemente bela e resplandecente sen caer na sensiblera ñoñería dos lugares comúns cos que con frecuencia se minusvalora a intelixencia dos nenos.

Premio Especial do Xurado para EL AGUA (España/Suiza/Francia), de Elena López Riera. Pola súa excelente capacidade para trasladarnos dunha maneira fílmicamente ousada e maxistral ao mundo dunha moza adolescente do arrabalde de Orihuela, inmersa en toda unha contorna de andrómena e de lendas fantasmagóricas expresadas a través do medo ás riadas, regalándonos unha película intelixente e valente.

Premio ao Mellor Guion para Jean-Pierre e Luc Dardenne por TORI ET LOKITA (Bélgica/Francia), de Jean-Pierre e Luc Dardenne, os ilustres irmáns belgas que lonxe de estar no ocaso da súa brillante carreira cinematográfica nos obsequian cunha película intelixente, honesta e escura. Un guion brillantemente ensamblado no amor de dous irmáns de vida nun mundo putrefacto, dunha crueza sutilmente delicada, invisible e perfecta.

Premio á Mellor Interpretación para Arawinda Kirana por YUNI (Indonesia/Francia/Australia/Singapur), de Kamila Andini, representando dunha maneira sobria, maxistral e valente a unha adolescente intelixente e libre que non encaixa nunha sociedade constrinxida en vestimentas e costumes medievais e patriarcais.

Premio CIMA

O Premio CIMA é outorgado pola Asociación de Mulleres Realizadoras e Medios Audiovisuais (CIMA) á mellor profesional das películas de Sección Oficial. Nesta edición, o xurado formado por Marta Villar e Xudit Casas decidiu que fose, para Gisela G. Ramos, directora e guionista de PERFUME DE GARDENIAS.
OUFF en Curto

O xurado formado pola directora Noemí Chandada, a produtora Laura Doval e a actriz Lidia Veiga decidiu conceder os seguintes premios na sección OUFF en Curto do 27º OUFF:

Premio á Mellor Curtametraxe de Ficción para SAUERDOGS dirixida por Guillermo de Oliveira, por combinar un excelente traballo en todas as súas áreas técnicas e, ao mesmo tempo, lograr achegarse e conmover ao público.

O xurado quere tamén conceder unha mención especial na categoría Curtametraxe de Ficción a ASÍ VENDRÁ LA NOCHE dirixida por Ángel Santos, por contar unha historia de amor cunha voz autoral chea de poesía e beleza dun xeito delicado e sutil.

Premio á Mellor Curtametraxe Documental para O QUE QUEDA dirixida por Alejandro Rodríguez, pola orixinalidade da proposta e por construír toda unha voz xeracional a través dun traballo valente e íntimo.

O xurado quere tamén conceder unha mención especial na categoría Curtametraxe Documental para ANATOMÍA DUNHA SEREA dirixida por Adriana Páramo, pola intelixente mestura de formatos narrativos, axudando a impulsar a revolución silenciada da realidade da violencia obstétrica.

O Premio AISGE ao Mellor Actor é para Sergio Baleirón por ROMPENTE, polo seu traballo interpretativo dende a verdade e a contención, e por lograr contar dun xeito fiel a realidade da súa xeración.

O Premio AISGE á Mellor Actriz é para Violeta Gil por ASÍ VENDRÁ LA NOCHE, por lograr dar a unha estrutura epistolar corpo e esencia, sostendo con gran sensibilidade a proposta narrativa.

Artigos relacionados

Back to top button