CulturaCulturaÚltima hora

O Festival de Muralismo “Máis que cor na Ribeira Sacra”, do 13 ao 21 de outubro

 

O Festival de Muralismo “Máis que cor na Ribeira Sacra” é ao fin unha realidade. Trátase dun proxecto no que o Consorcio de Turismo leva traballando anos e que agora se materializa grazas ao convenio de colaboración asinado o 5 de outubro de 2020 entre o organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e a Federación Galega de Municipios e Provincias polo que se aproba o Pacto pola Paisaxe para a Protección, Xestión e Ordenación da Paisaxe na futura Área de Especial Interese Paisaxístico 05-03 “RIBEIRA SACRA”

“Achegar a arte urbana á poboación, concienciar sobre a importancia de combater o feísmo e embelecer os nosos pobos son obxectivos fundamentais desta actuación, actuación que nos permite continuar co proxecto Un toque de cor na Ribeira Sacra, iniciado no ano 2015 por este organismo, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia”, explican dende o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

Cinco muralistas de recoñecemento nacional e internacional, 8 xornadas de muralización simultánea, obradoiros infantís, unha clase maxistral, conferencias e debates e unha visita guiada por especialistas compoñen o programa do Festival de Muralismo, que arrincará o venres 13 de outubro e rematará o 21 de outubro, con realización simultánea das obras por parte dos artistas invitados.

 

 

Os artistas invitados

DOA OCAMPO (Sober, Lugo). Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, esta veciña de Ribeira Sacra desenvolve a súa obra en sintonía coa natureza e cos elementos vexetais que rodean os espazos que muraliza. A súa pintura ten unha metodoloxía ben definida. Estuda e investiga sobre os elementos vexetais da paisaxe, da contorna e a súa relación coas xentes que habitan o lugar. Define as súas intervencións como unha reforestación visual en espazos rurais ou áreas naturais en espazos urbanos

Son varias as obras de Doa Oa, como se a coñece artísticamente, en diferentes puntos do territorio Ribeira Sacra, aínda que tamén destacan as súas pinturas ao longo da xeografía española e en países como Portugal o México.

YOSEBA MURUZÁBAL (Cambre, A Coruña). Yoseba Muruzábal, alias Yoseba MP, é pintor e muralista, licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e becado en talleres de pintura pola Fundación Arauco de Madrid. Gañador de numerosos certames de recoñecemento,nos últimos anos adícase ao muralismo, onde aterrizou gracias a partizar en moitos festivais galegos como o Desordes Creativas, Rexenerafest, Crómatico Fest, Vigo Cidade de Cor, Compostela Contemporania ou Culturban entre outros.

Podemos dicir que Yoseba fíxose popularmente coñecido en Galicia coa súa serie “Fenómenos do rural”, onde retrata ás nosas “súperavoas galegas”.

NOVENOEL (Rianxo, A Coruña). Novenoel é graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela e Técnico Superior en Ilustración pola EASD Pablo Picaso (A Coruña). Traballa no campo da imaxe gráfica e a pintura mural desde o ano 2009. Neste tempo, desenvolve unha liña pictórica inspirada na narrativa secuencial e a arte popular, intervindo todo tipo de espazos e superficies, desde ilustración a deseño pasando por escenografía ou murais de gran formato en vivendas e edificios. Os seus traballos poden verse en cidades e vilas de España, Francia, Alemaña, Mexico e EE.UU.

ALBA FABRE SACRISTÁN (Barcelona). Alba formouse no Programa de Debuxo e Pintura na Barcelona Academy of Art, onde actualmente é mestra. O seu traballo caracterízase por un estilo figurativo próximo, en ocasións, ao Impresionismo. A súa obra interésase pola análise da linguaxe e os conceptos da arte clásica, reproducido nunha pintura habitualmente figurativa, onde a forza e a cor adoitan ser o centro de atención.

CESTOLA NA CACHOLA (Santiago de Compostela, A Coruña). Miguel Peralta cursou Ciclo Superior de Escultura na Escola Pública de Artes de Almería e Ilustración na Escola Pública de Artes de Granada. Leva pintando toda a vida, aínda que de xeito profesional dende o 2008. O seu estilo ven marcado polo dominio do debuxo e o coidado no trazo, nas texturas e os xogos da luz e a sombra. Gústalle a narrativa visual, contar historias con imaxes. No 2011 transládase a Galicia e no 2013 crea, xunto a Xoana Almar e Raquel Doallo, a empresa Cestola S. Coop. Galega, onde traballa de pintor, ilustrador e muralista. A súa obra pode verse en moitos muros de España, Portugal, Francia, Alemaña e México.

Programa do evento

SÁBADO, 15 DE OUTUBRO

Clase maxistral de pintura, impartida por Alba Fabre. De 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Prazas máximas: 10 persoas. NECESARIA RESERVA previa en turismo@ribeirasacra.org
* A clase maxistral dirixida a persoas que pintan e teñen moito interese na pintura, que estén familiarizadas co óleo e o carboncillo. Cada participante traerá o seu propio material (indicarase o necesario coa confirmación da inscrición).

Obradoiro de expresión artística “Patróns e xeometría da natureza”.
De 10:00 a 12:00 horas (3 a 6 anos)
De 12:00 a 14:00 horas (6 a 12 anos)
De 16:00 a 17:00 horas (6 a 12 anos)
De 17:00 a 18:00 horas (12 a 17 anos)
Prazas máximas por grupo: 12 persoas. NECESARIA RESERVA previa en turismo@ribeirasacra.org (ESPECIFICAR HORA/FRANXA DE IDADE)

* Trátase dunha actividade lúdica-educativa de expresión artística coas técnicas creativas de copiado, selado, bordeado, collage e mixta, baseada en elementos naturais da Ribeira Sacra e na espiral da vida como patrón principal a explorar. Empregaranse materiais ecolóxicos, como pinturas comestibles, e elementos naturais da contorna (flores, follas…). O material será proporcionado pola organización. O obradoiro concluirá cunha obra colectiva que recollerá os traballos realizados polos pequenos/as.

DOMINGO, 16 DE OUTUBRO

Visita guiada aos murais. De 12:00 a 13:30 horas. Prazas máximas: 20 persoas. NECESARIA RESERVA previa en turismo@ribeirasacra.org

Conferencia e debate “Os Murais de antes: temáticas e técnicas”, impartida por Xoana Almar. De 16:30 a 18:30 horas. Prazas máximas: 50 persoas.

Todas as actividades son gratuítas. Para a clase maxistral, obradoiros e visita guiada é precisa RESERVA PREVIA a través do correo electrónico turismo@ribeirasacra.org. O prazo para as reservas rematará o venres 14 de outubro, ás 18:00 horas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button