EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O Festival Espírito Ribeiro chega a Ourense

A terceira edición deste evento celebrarase do 15 ao 17 de setembro no recinto de Expourense

 

Os concellos de A Arnoia, Castrelo de Miño e Cenlle veñen de acordar que a terceira edición do “Espírito Ribeiro” teña lugar do 15 ao 17 de setembro no recinto de Expourense (Ourense). As malas condicións meteorolóxicas que impediron a súa celebración a principios de mes volverán reproducirse esta fin de semana, polo que a organización optou por celebrar o evento a cuberto para non prexudicar aos artistas, adegas e produtores da contorna.

A organización conseguiu o seu obxectivo de poder manter a maioría da programación orixinal, como amosa o feito de que máis do 66% dos artistas e grupos previstos a principios de mes repetirán esta fin de semana. Así, o Mago Teto será o encargado de abrir a xornada do venres 15 de setembro en Expourense cun espectáculo de maxia para todos os públicos seguido das actuacións de Xabier Vizcaíno, que fará un repaso das súas composicións. Finalmente, o grupo de versións Wondercovers deixará a súa pegada no festival cun extenso repaso polos mellores temas da historia do rock.

O sábado 16 de setembro a cantante coruñesa Carolina Rubirosa porá a nota máis íntima co seu pop acústico, que estará precedido do espectáculo para a cativade “Ciencia que alimenta”, de Rota e Descosida. Despois Tonichi y Pacheco y Blue Monk farán as delicias dos visitantes.

A sesión final, o domingo 17 de setembro A Gramola Gominola será a encargado de abrir a xornada cun espectáculo de música rock&roll para o público máis cativo seguida da actuación de Carole Kings, cunha coidada selección de éxitos do pop. Finalmente, o grupo Dr. Slump porá o broche de ouro á xornada con clásicos da música pop dos oitenta e os noventa en español.

“Espírito Ribeiro” está organizado polos Concellos de A Arnoia, Castrelo de Miño e Cenlle, e conta co patrocinio da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense. Dispón da colaboración da Denominación de Orixe Ribeiro, Abril, Bétula Cars, Cabreiroa, Caldaria Hoteles y Balnearios e Gadis.

 

 

 

Escaparate perfecto para as terras do Ribeiro

O coordinador de “Espírito Ribeiro”, Juan Rivas, agarda que “a xente se achegue ata Expourense para desfrutar deste innovador festival, que fusiona sabores exquisitos, músicas envolventes e un mercado cheo de produtos locais, que se consolida un ano máis como o escaparate perfecto para as terras do Ribeiro e o seu tesouro máis prezado: o viño con Denominación de Orixe Ribeiro. Durante tres días, promoveremos as virtudes que fan da D.O. Ribeiro un emblema cultural e culinario”.

“Espírito Ribeiro” é unha experiencia que abarca a esencia mesma da D.O. Ribeiro. O corazón do evento late nun vibrante mercado onde os produtos autóctonos e a artesanía local toman o centro do escenario, rendendo homenaxe á proximidade e á autenticidade. Doutro lado está a música que eleva a alma, as risas que enchen o aire e os trucos de maxia que asombran.

Así, en Expourense haberá unha zona gastronómica onde degustar unha selección de tapas “Espírito Ribeiro” perfectamente maridado con viño das adegas e colleiteiros da DO Ribeiro. O venres 15 de setembro estarán presentes: Bodega Alanís, Tear dos Dofi-Nairoa, Adega Eloi Lorenzo e Son de Arriero. O sábado 16 será a quenda de Bodegosa-Celme, Cuqueiro-Uceira, Ramón do Casar e Señorío do Lancero. Finalmente, Cotarelo, Rexurdir, Pazo de Toubes-Leive e Adega Carpazal serán as protagonistas do domingo 17 de setembro.

Así mesmo, haberá stands de Bodegosa, Celme, Cunqueiro, Ramón do Casar, Señorío do Lancero, Uceira, Coto de Dusande (mel), Aboamigalla (pan artesán), Quesos Feijóo (queixos), Vinagres DO Ribeiro, Bizcotela Galega (galletas), Bangus (moda), Pilar Ficucello (artesanía), Luís Godoy (artesanía), Rebuleiras, Cienporcel (porco celta), Sofragal (castaña), La Central Heladera (xeados) e Olivarnoia (aceite de oliva).

Artigos relacionados

Back to top button