EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O FIC de Verín trae unha experiencia gourmet e multisensorial da man de Begoña Vázquez e a DO Monterrei

 

O sábado 31 de agosto o Auditorio Municipal de Verín acollerá unha experiencia gastronómica gourmet da man de Begoña Vázquez, así como da Denominación de Orixe Monterrei. O FIC Vía XIV aposta nesta edición por ir máis alá da pantalla e na súa liña de fomentar o turismo sostible na vila, promove esta actividade na que un número reducido de persoas poderán gozar dunha experiencia multisensorial na que viño, música e produtos locais escollidos con moito mimo se mesturan nunha combinación única. As entradas están dispoñibles en Ataquilla

Begoña Vázquez, gañadora do premio Cociñeiro Galego do Ano 2024 “e a primeira muller en conseguilo, acompañará ás persoas asistentes nesta experiencia culinaria a descubrir a riqueza gastronómica da nosa contorna a través dunha cata xunto a Denominación de Orixe Monterrei, un dos patrocinadores que fan posible o FIC Vía XIV e insignia da gastronomía da nosa contorna”, din dende o festival, engadindo que, ademais, haberá unha maridaxe con produtos locais selectos.

Nas creacións de Begoña predominan a mestura entre cociña tradicional e de vangarda. Unha experiencia multisensorial que mestura viño, comida e música, estimulando todos os sentidos das persoas participantes de xeito armonioso e complementario.

Por parte da D.O. Monterrei a cata será impartida polo director técnico, Luis Miguel López Núñez. Durante a mesma poderase degustar un viño branco e un viño branco sometido a un proceso de envellecemento en barrica, así como un viño tinto e un viño tinto barrica. Na actividade descubriremos a gran versatilidade dos viños de Monterrei e trataremos de crear os acordes perfectos, para disfruta dunha sinfonía única entre viño, gastronomía e música.

Dende o festival, agradecen a súa participación así como o apoio da Denominación de Orixe Monterrei. “A cultura non existe de xeito illado á contorna. Por iso, dende o FIC Vía XIV apostamos por unha fusión entre cinema e gastronomía. Crear sinerxías e potenciar o talento e produtos locais é fundamental para continuar coa nosa teima de facer de Verín o centro neurálxico do turismo na contorna”, asegura Carlos Montero, director do festival

Artigos relacionados

Back to top button