CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

O FIC Vía XIV de Verín conclúe a súa sétima edición afianzándose “no mapa galego dos festivais cinematográficos”

Así o destacaba o seu director, Carlos Montero, na gala de entrega de premios coa que se pechaba a mostra na tarde do 4 de setembro

 

“Son xa 7 anos fortalecendo a axenda cultural da nosa vila cunha proposta que xestamos e vimos medrar paseniñamente un grupo de profesionais de aquí relacionados co audiovisual. Queríamos situar Verín no mapa galego do sector dos festivais cinematográficos e coido que hoxe, logo de 7 edicións, podemos dicir que este obxectivo está cumprido”, resaltaba na tardiña do 4 de setembro o director desta mostra, Carlos Montero, nunha intensa gala de clausura no Auditorio de Verín, na que se desvelaban os galardóns desta sétima edición e que estaba presentada por Esther Estévez, presentadora do “Dígocho eu”.

Así, dentro da categoría “Nova” o traballo gañador foi The last day of patriarchy, dirixido por Olmo Omerzu, unha coprodución entre a República Checa, Eslovenia e Francia. Nesta mesma categoría, o xurado -conformado por Manolo Torrente, Elena García e Nora Sola- concedeu unha mención especial ao filme Caballo de espuma, do español Juan Rueda.

Dentro da sección “Horizontes” a curta premiada era Vol de nuit, de orixe belga e dirixida por Kenan Görgun; e na de “A Raia” lograba o galardón o filme O teu nome, un traballo con selo portugués dirixido por Paulo Patrício. Finalmente, o Premio Especial do Público recaeu no traballo Rompente de Eloy, do director ligado a Verín Eloy Domínguez Senén. “Para min o premio do público é o máis fermoso e o máis relevante que hai porque ao fin e ao cabo facemos o noso traballo para todos vos. Tamén sei que é un voto emocional e valóroo moitísimo”, dicía nunha mensaxe de vídeo o premiado, que non puido asistir á entrega de premios por mor dunha viaxe de traballo.

Xusto antes de desvelar este galardón do público, un dos membros da directiva do FIC, Jorge Godás -responsable de Creatividade Multimedia-, referíase tamén á evolución desta mostra. “Crimos neste proxecto, comezamos, houbo moitos sen sabores e amarguras, moitas noites se pegar ollo, pero tivemos algo que os que construíron esta vila souberon transmitirnos: vontade. Despois de sete anos xa non somos bebés, somos como nenos cheos de inocencia e frescura que seguen crendo que neste oficio, dende aquí, se poden contar historias, se poden documentar costumes, se pode educar a nosa linguaxe, porque un pobo educado é un pobo que progresa. Pero, sobre todo con este oficio se pode empregar emprego” e isto “pódese facer dende aquí, senón que pregunten a Roberto Verino todo un exemplo no cal nos deberiamos mirar”.

Godás tamén agradecía o respaldo do Concello de Verín, de institucións privadas e dos comerciantes “que nos apoiaron incondicionalmente grazas a ti Carlos (Montero) pola túa amizade fraterna, a ti Álex (Alejandro Nieves, director de produción do festival), o noso irmán pequeno que es capaz de equilibrarnos a todo o equipo, cheo de frescura”.

 

Jorge Godás dando a coñecer o premio do Público.

 

Durante a gala, intercalada por actuacións do dúo Two in the mirror, tamén interviña o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, quen cualificaba ao FIC como “un exemplo e un orgullo para Verín.
Hoxe Verín é unha illa cultural no sur de Galicia con produtos como este FIC Vía XIV que se consolida como un referente en creatividade, hoxe Verín é o motor da actividade cultural de Ourense, con máis pulso, con máis vibración que a propia capital, con máis teatro, con máis música, con máis arte, en definitiva, con máis cultura”.

 

O tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo.

 

Lourenzo tamén sinalaba que que “a comarca de Verín concentra nos últimos anos a maior actividade das industrias culturais do sur da provincia, por participación, por extensión xeográfica da súa comarca, e por calidade e cantidade dos seus contidos”, matizando ademais que o FIC “é o buque insignia da resiliencia da cultura da Galicia viva, internacional, que produce e que crea as súas propias industrias cunha identidade propia”.

 

 

Carlos Montero: “O noso festival crea canteira”

A intervención do director do FIC poñía o broche a esta edición da mostra, quen agradecía o apoio do Concello de Verín, da Deputación de Ourense e da Eurocidade Chaves-Verín, así como o de moitas empresas privadas para poder levar adiante este proxecto. “Cada vez son máis as entidades privadas que o apoian. De feito, este ano aproximadamente un 35% do noso financiamento partiu do sector privado”, sinalaba Montero.

 

O director do FIC, Carlos Montero.

 

O director do FIC tamén lembraba a completa axenda de actividades paralelas desenvolvidas durante toda a semana, entre outros espazos na Zona Roombo, que contaron cun gran apoio popular. Ademais, este ano a gala inaugural do certame tivo lugar “en pleno corazón da vila” para achegar máis o festival “a todos os verineses e verinesas”.

Pero se nalgo se ten convertido o FIC Vía XIV de Verín ao logo das súas sete edicións é “en plataforma impulsora do talento local audiovisual”, dicía. Este ano a mostra, creou 60 empregos, principalmente locais e cualificados relacionados co audiovisual, tal e como poñía en valor Carlos Montero, destacando tamén o seu efecto como dinamizador socioeconómico da vila e da comarca.

 

 

“Xogamos xa na liga adulta e adultos tamén se teñen ido facendo moitos dos mozos e mozas que comezaron a súa andaina profesional como voluntarios neste festival. Moitos deles hoxe convertidos xa en referentes do noso eido audiovisual. O noso festival crea canteira e estamos moi orgullosos disto. Por iso, quixemos que este ano presentara esta gala final de clausura do FIC a xornalista local Esther Estévez, condutora do exitoso espazo da Televisión de Galicia Dígocho eu, natural da nosa zona e que hai algúns anos xa traballou como voluntario no equipo de comunicación do festival”.

Ademais Esther Estévez recibía tamén na parte final da gala unha sorpresa musical que viña da man do gaiteiro Álvaro Rúa (que tamén participaba no FIC coa súa performance Carrilano KaoS na que colaboraba o Fulión de Mormentelos) e de Daniel García ao tamboril.

O pano desta edición deixábase caer con todo o equipo do festival no escenario, mentres soaba a música de The two in the mirror e os aplausos do público.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button