O vindeiro mes de abril estrearase en cinemas a comedia Cuñados, opera prima de Toño López e primeira longametraxe da produtora Portocabo (Hierro, Auga Seca), que dirixe o petinés Alfonso Blanco, creada para a gran pantalla.
Rodada integramente na provincia de Ourense e ambientada en torno ao mundo das adegas do Ribeiro, “Cuñados” é unha comedia de enredo sobre as peripecias delituosas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado.
O filme, rodado en galego, conta no seu elenco con coñecidos rostros como os de Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez Rey. A réplica feminina atopámola noutras tres grandes actrices galegas: Eva Fernández, Iolanda Muiños e María Vázquez. Engádense ao reparto Mela Casal, Paku Granxa, Manolo Cortés, Brais Yanek, Patricia Torres e Avelino González.
O guión de Cuñados é obra de Araceli Gonda (Hierro, 18 comidas, Luci). Á fronte do equipo técnico están Jaime Pérez, na dirección de fotografía; Lu Rodríguez na montaxe, Santi Jul e Iván Laxe na música orixinal ou Andrea Pozo na dirección artística, entre outros. Na produción executiva está Alfonso Blanco, director xeral de Portocabo.
Cuñados é unha produción de Portocabo que conta coa participación de RTVE e Televisión de Galicia e coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O filme foi rodado integramente na provincia de Ourense e nel colaboraron a Deputación de Ourense e mais a D.O. Ribeiro. Filmax encárgase da distribución en España, así como das vendas internacionais.