CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O filme “O carro e o home”, co son da Banda de Gaitas Nova Era no V FIC de Verín

O Festival Internacional de Curtas explora, novamente, o vencello entre música e cinema

Un dos momentos da actuación no Auditorio de Verín./ Foto: FIC.

 

Moito máis que cinema. O Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV de Verín aposta, unha edición máis, por indagar no vencello entre a música e o cinema, un dos eixos recurrentes ao longo dos seus cinco anos de vida.

Nesta ocasión, a organización da mostra contaba co apoio dun grupo de membros da Banda de Gaitas Nova Era de Verín, que ofrecía o 6 de setembro unha proposta musical orixinal, alternativa e propia a unha curta documental moi especial: O carro e o home.

Trátatse dun filme documental en branco e negro dirixida por Antonio Fernández-Román e guionizada entre Xaquín Lorenzo e o propio Antonio Román, que foi rodada en 1940 e estreada en 1945. Finalizada a súa rodaxe, a película quedou sen sonorizar e Xaquín Lorenzo gardou unha copia en Ourense, que se restaurou e sonorizou en 1980 grazas ao pulo de Eloy Lozano e á colaboración do Museo do Pobo Galego.

 

Outro dos momentos desta sesión, no auditorio./ Foto: FIC.

 

A actuación musical, celebrada no Auditorio de Verín, foi presentada por Pepe Coira, ex director do CGAI, e prestixioso crítico, guionista e director cinematográfico galego.

Axenda do luns no FIC

A axenda de actividades paralelas do FIC Vía XIV continuará este luns pola tarde coa proxección do documental Caminos de Tierra, que detalla a experiencia vivida por tres mozos de Verín na súa viaxe de Galicia a Polonia a bordo dunha caravana autosostible.

Máis tarde, no mesmo recinto do Auditorio, Frei Chitín -unha das persoaxes máis singulares do Entroido da vila- ofrecerá un espectáculo que garantirá as risas do público co seu humor cheo de retranca e ironía.

Artigos relacionados

Back to top button