OurenseÚltima hora

O filólogo e investigador Antonio Carreño, de Parada de Sil, será homenaxeado coa Medalla de Ouro da provincia

Estudou Maxisterio en Ourense antes de dar o salto a EEUU, formarse no Trinity College e Yale e terminar consolidado coma unha autoridade mundial na crítica literaria hispanoamericana, co foco posto no Século de Oro e especialmente en Lope de Vega

 

Nesta semana o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuníase no Pazo Provincial co filólogo e investigador Antonio Carreño (Parada de Sil, 1938) para comunicarlle que nos próximos días iniciarase o expediente para distinguilo coa Medalla de Ouro da provincia.

Con este recoñecemento, “a máis alta distinción que a Deputación concede ós mellores fillos da terra ourensá”, o goberno provincial quere homenaxear a traxectoria do “experto máis importante do mundo en figuras da literatura española como Lope de Vega”, resalta Manuel Baltar sobre un Antonio Carreño ao que define como “un estudoso referente global no Século de Oro, un intelectual cunha carreira internacional de primeiro nivel con fonda pegada en universidades estadounidense do prestixio de Brown, da que é catedrático emérito”.

Manuel Baltar confesa a “profunda honra” que supón poder comunicar persoalmente este recoñecemento a Antonio Carreño, que estivo acompañado no Pazo Provincial polo concelleiro de Cultura de Parada de Sil, Francisco Magide.

O presidente da Deputación destaca como o filólogo ourensán sempre tivo moi presente as súas raíces na aldea de Sardela: “Nunca esqueceu a súa orixe, da que presume con moitísimo orgullo. Agora mesmo vive a cabalo entre a Biblioteca Nacional e Parada de Sil”.

Francisco Magide tamén resaltou os potentes vencellos do homenaxeado coas súas raíces: “O orgullo maniféstase con feitos. E Antonio Carreño asina os seus artigos en La Región como ‘catedrático emérito de Brown University – Parada de Sil’. Este é orgullo de ser dun pobo pequeno, un feito moi importante culturalmente”. O edil agradeceu “a iniciativa de Manuel Baltar e a Deputación”: “Estou aquí como amigo de Antonio Carreño. Como concelleiro de Cultura de Parada de Sil tamén agradezo este recoñecemento”.

Antonio Carreño: “Estou moi agradecido e emocionado”

Antonio Carreño confesou a súa emoción por este recoñecemento: “Ninguén é profeta na súa terra. Eu, aos meus anos, convírtome nunha persoa con certo respecto na volta a esta casa que sempre foi a miña. Estou moi agradecido e emocionado”.

O filólogo de Parada de Sil puxo en valor o recoñecemento da Deputación e o apoio de Francisco Magide: “Si son algo eu aquí, agora, é grazas ao meu amigo Paco Magide. El impulsou o meu nomeamento como fillo predilecto de Parada de Sil. Algo que xamais pensei que podería ocorrer”.

“Tiven a tolemia de romper o meu espazo vital e saltar a EEUU. Cheguei como turista coa intención de volver. Pero nunca volvín. Ou si, porque sempre volvo, sempre estiven aquí”

Antonio Carreño lembrou as súas orixes en Parada de Sil e a súa traxectoria vital, marcada pola chegada a Estados Unidos: “Veño dunha aldea pequena, Sardela, onde pasei a nenez. Despois de idas e voltas, terminei como mestre nacional nunha campaña de alfabetización en Ourense. Tiven a tolemia de romper este espazo vital e dar o salto a Estados Unidos. Cheguei como turista, un verán, coa intención de volver. Pero nunca volvín. Ou si, porque sempre volvo, sempre estiven aquí”.

O filólogo pondera o seu camiño profesional e a volta ao fogar: “Tiven unha carreira intensa en Estados Unidos, conseguín algún logro, non moitos. E volvín, xubilado a Ourense, a Parada de Sil. Con saltos a Madrid para traballar na Biblioteca Nacional (…). Eu vivín catro anos en Ourense na avenida de Buenos Aires, no número 111. Hoxe, voltar a pasear estas rúas é voltar a encontrarme comigo mesmo”.

 

 

Un referente internacional nos seus estudos arredor de Lope de Vega e o Século de Oro

A biografía de Antonio Carreño (Parada de Sil, 1938) está marcada pola curiosidade intelectual e unha potente capacidade de superación. Fillo da posguerra, obtén o título de Maxisterio na Escola Normal de Ourense en 1963. Imparte clase como mestre durante catro anos na provincia de Ourense antes de marchar a Estados Unidos. Chega como turista, pero en realidade pisa EEUU empuxado polos seus intereses literarios.

O mestrado obtido no Trinity College de Hartford (1970) abre o seu extraordinario currículum en Estados Unidos. Obtén un novo mestrado en Yale en 1973, universidade cun departamento de literatura hispánica referente no mundo e na que se doutora en 1975.

Cunha amplísima formación na literatura hispanoamericana e na crítica literaria contemporánea, a carreira de Carreño impúlsase baixo dous eixos: a vocación investigadora e a didáctica. Deste xeito, é profesor en Yale, Columbia, Illinois ou Brown, universidade da que é catedrático emérito e na que obtivo numerosos premios e recoñecementos. En paralelo ao prestixio universitario, vai conformando unha valiosísima bibliografía na que resaltan fitos como “La dialéctica de la identidad en la poesía contemporánea” e “El romancero lírico de Lope de Vega”, premio Ramón Menéndez Pidal da Real Academia Española en 1977 e definido coma a análise definitiva do romancero lopesco.

Aínda que tamén estudou a Góngora, Bartolomé de las Casas ou “Los Naufragios” de Cabeza de Vaca, Lope de Vega é, sen dúbida, a figura transcendental da súa carreira. Antonio Carreño é hoxe o “lopista” máis importante do mundo. Cos seus estudos das fontes, recepción e edición dos romances de Lope e as súas reflexións críticas -plasmadas en novas edicións críticas como “Rimas humanas y otros versos” ou a súa visión sobre a produción dramática e prosística- aportou valiosísimas achegas á literatura española, construíndo novos prismas arredor desta icona do Siglo de Oro, un período histórico no que está considerado coma un dos grandes estudosos contemporáneos.

Artigos relacionados

Back to top button