DeportesÚltima hora

O fútbol valdeorrés está de loito polo falecemento de “Pirullo”

Presidente dos equipos de fútbol sala e fútbol de Rubiá ata a súa desaparición, pasou os últimos anos no C.D. Barco
José Fernández Vega “Pirullo”.

Os que asistan ao partido do vindeiro domingo en Calabagueiros entre o Barco e o Negreira, botarán de menos a unha persoa tan entrañable como solícita, con carácter pero amigable, vinculada a un deporte que vivía de forma intensa e apaixoada. José Fernández Vega (Rubiá) máis coñecido como “Pirullo”, non estará a pé de campo, percorrendo nervioso as pistas seguindo o desenvolvemento do encontro, animando aos xogadores, enfadándose ou celebrando o resultado, controlando que as portas de acceso ao campo estén pechadas durante o xogo… Uns días antes, o 9 de maio, con apenas 63 anos falecía de forma inesperada no Barco de Valdeorras.

“Piru” como o chamaban os máis achegados estaba solteiro e non tiña fillos, pero consideraba aos xogadores de Rubiá “os seus nenos”. Así o lembra Sabino, un dos que formaron parte da súa benquerida familia deportiva, sempre vinculada ao balón pé. “Non podía vivir sen o fútbol, sen estar metido de cheo, axudando e sacando o traballo para adiante, facendo de todo”, conta. De feito estivo na directiva do C.D. Rubiá durante moitos anos antes da súa primeira desaparición, axudando máis tarde a un grupo de rapaces a formar, con apenas 15 anos, un equipo de fútbol sala para xogar na liga comarcal, do que foi presidente. “Era currante, o que poñía cartos para as arbitraxes cando non chegaban, o que nos levaba en coche aos desprazamentos,…”, puntualiza Sabino.

 

Directiva do C.D. Rubiá na tempada 2002/2003.

Anos despois, grazas a Pirullo, ao Concello e ao testáns que eran os rapaces, recuperaban o equipo de fútbol e unha vez máis poñíase ao fronte, como presidente os dez anos que durou o club, facendo tamén de todo. Tal era a súa paixón polo fútbol que aínda fóra da súa benquerida Rubiá, tivo que seguir vinculado, entrando na directiva do C.D. Barco na que permanecía ata a actualidade e na que hoxe están de loito. A través das redes sociais, o presidente Nilo, aseguraba con tristeza estar orgulloso del, recoñecendo que “ao final loitaches como un gran campión ata o minuto 93. Perdiche no verde pero na liga do ceo ti serás o novo Messi”. O texto remata cun sinceiro “grazas por deixarnos ser o noso amigo, grazas polos bos e grandes momentos ao longo de todas estas tempadas”.

O funeral celebrarase mañá, xoves 10 de maio, ás 7 da tarde na igrexa de Santa Marina de Rubiá, seguido do sepelio no cemiterio parroquial.

Artigos relacionados

Back to top button