En portadaÚltima hora

O GEM Águilas Verdes traballa nunha iniciativa para axudar ás persoas que o perderon todo nos incendios de Valdeorras

Este proxecto solidario, que aínda se está a concretar, conta coa colaboración da Asociación de Veciños O Regueiral

 

O Grupo de Espeleoloxía e Montañismo (GEM) Águilas Verdes de Rubiá está traballando, en colaboración coa Asociación de Veciños O Regueiral, na posta en marcha dunha iniciativa solidaria para axudar aos afectados polo incendio forestal de Valdeorras “que perderon a súa primeira vivenda xa que eles son os máis necesitados en artigo de primeira necesidade como roupa ou produtos de hixiene persoal”. Na tarde deste sábado 23 de xullo esta entidade convocaba unha reunión na Casa da Cultura de Rubiá que contaba coa presenza de representantes de varias asociacións de veciños de localidades afectadas polo lume neste municipio, así como de membros da Corporación municipal.

Dous representantes do GEM Águilas Verdes explicaban o proxecto solidario que se está a preparar. A iniciativa xurde en Rubiá, pero pretende chegar aos afectados da comarca, “xa que temos socios de toda Valdeorras, pero para poder estendelo imos necesitar tamén, ademais da axuda do Concello de Rubiá, a dos Concellos do Barco e de Carballeda de Valdeorras”.

 

 

Para a posta en marcha desta iniciativa, comezaban sinalando dende o GEM Águilas Verdes, “o principal é conseguir unha lista de persoas afectadas nos tres municipios, para o cal sería primordial contar coa axuda dos Concellos e dos seus Servizos Sociais. Tamén será preciso elaborar un inventario de necesidades urxentes feito por parte dos Concellos e das diferentes asociacións de veciños dos pobos afectados. A partir de aí poderemos xestionar esas necesidades e tamén imos crear un grupo de campo que fale cos veciños para coñecer directamente da súa boca que é o que necesitan. Gustaríanos poder contar con moitos voluntarios que nos axuden para que isto saia adiante e non se quede só nunha reunión”.

A partir de aí expoñían unha serie de propostas de cara a poder canalizar axudas e doazóns que dean respostas a estas necesidades urxentes de forma sinxela e fácil para os afectados, como poderían ser vales de compra. Esas ideas, nas que esperan contar co respaldo de entidades e empresas, intentarán concretarse xa na vindeira semana para poder empezar a axudar canto antes. Ademais propoñíase a organización de actos benéficos co fin de recadar fondos destinados a esas axudas aos afectados.

No decurso da xuntanza analizábanse estas propostas e tamén se plantexaban ideas complementarias, con diversas intervencións tanto dos membros das asociacións presentes como por parte dos representantes municipios.

Ademais o GEM Águilas Verdes deixa claro que nesta iniciativa solidaria que están a impulsar “declinamos calquera intervención de carácter político xa que o noso obxectivo prioritario son as axudas aos máis necesitados”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button