ConcellosÚltima hora

O GES Valdeorras recibe unha nova furgoneta de servizos varios

O novo vehículo, entregado en Ribadavia, dispón de tres prazas e tracción integral 4x4, ademais de espazo para albergar equipamento para todo tipo de intervencións

 

Os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) do Barco de Valdeorras, Ribadavia e Muíños, contan dende hoxe cun novo vehículo. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, facía entrega en Ribadavia, na mañá do 10 de decembro, das tres furgonetas de servizos varios, incidindo na importancia de que “os efectivos de emerxencias conten co material axeitado que lles permita realizar o seu traballo con seguridade e ofrecer unha maior eficacia na resposta ante calquera intervención”.

Tal como explican dende Vicepresidencia, a adquisición conta cun investimento de 242.000 euros e forma parte do proxecto ARIEM+, a través do cal a Xunta traballa na xestión de recursos humanos e materiais para mellorar a atención e a coordinación das emerxencias a un e outro lado da fronteira de Galicia con Portugal. “A través deste proxecto de colaboración transfronteiriza, a Xunta coopera con Castela e León e Portugal en materia de emerxencias en torno á prevención e xestión de riscos naturais relacionados co clima e coas actividades humanas”, aseguran.

Os tres novos vehículos para a atención nas emerxencias entregados hoxe dispoñen de tres prazas e de tracción integral 4×4, ademais de espazo para albergar equipamento para todo tipo de intervencións, como dous equipos de respiración autónoma, unha cámara térmica, unha bomba de auga de alta presión con depósito duns 380 litros e outra sumerxible para augas sucias ou lodos, así como diverso material específico de rescate en altura.

Artigos relacionados

Back to top button