EconomíaEconomíaEn portadaPizarraÚltima hora

O grupo alemán Rathscheck adquire a empresa Pizarras La Baña

As persoas implicadas na venda e na compra, tras a sinatura do contrato./ Foto cedida.

 

Despois de meses de “longas e intensas negociacións”, o grupo alemán Rathscheck vén de anunciar a adquisición da empresa Pizarras La Baña, S.A. (Encinedo, León), continuando deste xeito a súa “senda de investimentos” no sector louseiro español. “Interesábanos moito que se continuase con éxito o desenvolvemento da empresa dunha forma sostible e que se mantivesen os case 130 postos de traballo. Por iso, comprácenos atopar en Rathscheck un comprador que emprende desde hai xa varias décadas de forma activa e fiable na rexión. Grazas á utilización de tecnoloxías novas seguirase facendo unha achega valiosa á zona, tomando en consideración as cuestións relacionadas coa protección do medio ambiente e a natureza”, explica Adelina Martínez, membro do Consello de Administración e copropietaria de Pizarras La Baña, S.A.

Rathscheck pertence desde hai case 120 anos a Wilh. Werhahn KG, unha empresa familiar con operacións internacionais e domiciliada en Neuss (Alemaña). Coas adquisicións de dous produtores de lousa con domicilio legal no Barco de Valdeorras —Canteiras Fernández (Cafersa) no 2008 e Pizarras Castrelos no 2013—, a empresa Rathscheck “demostrou que, no seu ámbito de negocios tradicional, é posible levar a cabo os procesos de integración case sen dificultade. Isto porque a orientación centrada claramente nos mercados internacionais garante a continuidade das empresas produtoras adquiridas”, explican dende a compañía.

“Con Pizarras La Baña contamos con importantes recursos e capacidades produtivas para os mercados internacionais, os que consolidarán a nosa posición competitiva a longo prazo. Ao mesmo tempo, alégranos contar con novos compañeiros e compañeiras que nos apoiarán en todo iso”, destacan os dous xerentes de Rathscheck, Andreas Jäger e Frank Rummel. Sumando ao persoal de La Baña, o persoal de Rathscheck crecerá ata superar os 600 empregados en todo o mundo.

Tras a sinatura do contrato Pizarras La Baña, S.A. agradecía “a todo o persoal, provedores e clientes que foron parte da empresa familiar desde a súa fundación en 1982 e que coa súa achega axudaron ao crecemento e ao desenvolvemento da empresa Lousas Báñaa como unha marca recoñecida tanto a nivel nacional como internacional”. Seguindo o labor dos fundadores, o Grupo Rathscheck, como novo propietario, “proseguirá coa traxectoria de éxito da empresa”, asegura.

Novos investimentos nos centros de produción

Incluíndo a Pizarras La Baña, Rathscheck explota agora en España seis puntos de extracción —incluída a mina subterránea «A Fraguiña» de referencia no sector— e un número similar de naves de elaboración. Así mesmo, prevense novos investimentos nos centros de produción. Cara a fins de ano entrará en operacións unha nova nave de produción en Cafersa, “que contribuirá a optimizar aínda máis os procesos de produción, mellorará as medidas de protección do medio ambiente e será especialmente innovadora na protección da empregados fronte ao po de sílice. A isto, sumaranse as instalacións fotovoltaicas, que están en fase de planificación ou en construción, e que contribuirán activamente á protección do clima no futuro”, tal e como adianta o grupo Rathscheck.

 

Artigos relacionados

Back to top button