ConcellosEn portadaÚltima hora

O Grupo de Emerxencias Supramunicipal Valdeorras cumpre dez anos neste 19 de agosto

Ao longo dos últimos doce meses (1 de agosto 2022-1 agosto 2023) este GES, con sede no Barco,realizaba un total de 521 intervencións

O GES Valdeorras nunha imaxe da arquivo./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) Valdeorras, con sede no Barco, está de aniversario neste 19 de agosto. Nacía tal día como hoxe no 2013. Cumpre, polo tanto, unha década de servizos e atención nas emerxencias, así como en materia preventiva, prestados á cidadanía valdeorresa. Este grupo conta con 12 prazas, pero arestora só hai 9 persoas en plantilla, das cales unha está de baixa por longa duración.

Entre as funcións dos GES, pode destacarse a prevención e intervención en incendios forestais e urbanos no ámbito territorial da súa demarcación (en coordinación co distrito forestal ou co parque comarcal de bombeiros, en función do tipo de lume); prácticas preventivas nos terreos forestais, camiños e espazos públicos para previr incendios; actuacións de prevención de pragas, como a Vespa velutina; ou intervencións en situacións de risco e de emerxencia para manter a rede de estradas ou en situacións derivadas de riscos naturais. Ademais colaboran con outras forzas e corpos de seguridade, como é o caso da Policía Local, para velar pola seguridade en determinados eventos como probas deportivas ou festas.

Só ao longo do último ano (entre o 1 de agosto de 2022 e o 1 de agosto de 2023) o GES Valdeorras realizaba un total de 521 intervencións, entre as que figuran 30 en incendios urbanos, 41 en accidentes de tráfico, 26 en rescates/búsquedas, 8 en incendios forestais, 43 en retirada de árbores en estradas e 14 en apertura de portas por emerxencia.

 

 

Tamén interviña o GES Valdeorras no último ano en 78 ocasións en limpeza de vías por accidentes e verquidos e en 17 inundacións e achiques, ademais de en 6 avisos por escape de gas. Tamén sobresae o seu labor en emerxencias con animais (cans e gatos na vía pública, animais cinexéticos en vivendas, etc.) en ata 109 ocasións. Así mesmo o GES segue intervindo na retirada e neutralizaciónn de niños de Vespa velutina, ao longo dos últimos 12 meses fíxoo en 65 casos.

 

Membros do GES procedendo á retirada dun niño de Vespa velutina nunha casa./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tamén ten realizado outras 84 intervencións de diverso tipo (apoio sanitario, apoio á Policía Local, en postes de electricidade caídos, aglomeracións, derrubas, etc.).

Deste xeito, e tras dez anos de traxectoria especializada en materia de prevención de emerxencias e de protección da cidadanía en situacións de risco, o GES Valdeorras consolídase como un servizo importante para a veciñanza de Valdeorras, que, para solicitar a súa intervención, deben chamar ao número 112.

Artigos relacionados

Back to top button