Cunha gran acollida por parte do público regresaba aos escenarios o Grupo Candea de Viana do Bolo tralo parón da pandemia. Facíao na tarde do mércores 17 de agosto, no marco da programación de verán na vila vianesa coa colaboración do Concello, nunha Casa da Cultura chea ata a bandeira.

Diante dunhas 150 persoas, o grupo de teatro afeccionado presentaba a súa nova obra ‘Pacientes impacientes’, unha divertida comedia en torno a un centro médico e as diferentes historias e doenzas que por alí pasan.

A presentación do acto corría por conta de Toñita, compañeira de teatro de idade xa avanzada, á que lle rendían unha pequena e sentida homenaxe con ramo de flores incluído.
Dende Teatro Candea agradecen a asistencia do público que sempre os apoia, emprazándoos a outra representación que realizarán mañá, venres 19 de agosto, na praza da Veiga.

Fotos cedidas.