PolíticaÚltima hora

O grupo popular da Rúa critica o cambio do festivo local das Festas de Verán para o Martes de Entroido

A proposta era aprobada cos votos en contra do PP no primeiro Pleno ordinario desde a constitución da nova corporación

Parte do grupo popular da Rúa no Pleno de toma de posesión da alcaldesa.

 

Na tarde do luns 4 de setembro celebrábase no Concello da Rúa o primeiro Pleno ordinario deste municipio desde a constitución da nova corporación, que levaba na orde do día a elección dos festivos locais para o 2024. A este respecto, o grupo popular critica que “o tripartito (BNG, PSOE e RUA) comeza o seu mandato eliminando o festivo local das Festas de Verán para o ano 2024”. Cos cinco votos en contra dos populares “sae adiante esta proposta do actual goberno rues que deixa aos veciños que traballan nesas datas sen ese día de descanso que corresponde a unha tradicional celebración que abarca a todo o municipio”, din os populares, engadindo que o fan substituíndo este festivo polo Martes de Entroido. Desde o grupo popular entenden que non está xusficado devandito cambio, xa que “o Entroido na Rúa nunca se viu entorpecido porque o martes non fose festivo, senón que se trata dunha festividade que xa se prolonga durante varios días” e tampouco comparten a xusficación de que “axudará a dinamizar as ‘Festas de Verán’, posto que as mesmas durante o mandato popular foron un éxito, en parte, por poder contar co festivo que agora se suprime”.

En relación coas dúas propostas de desafección das vivendas para alugueiro social, o grupo popular votou a favor e saíron adiante por unanimidade. Con todo, o grupo popular advertiu que as “instucións titulares das vivendas requirían un compromiso real para que fosen destinadas ao uso indicado e que o Concello da Rúa non ten capacidade económica nin concedida ningunha subvención para acometer a rehabilitación de todas as vivendas que se reclaman”. Por tanto consideran que “existe o risco innecesario de asumir uns compromisos e unhas responsabilidades e que, para evitalos, poderíanse ir desafectando aos poucos, a medida que se puidesen ir rehabilitando, seguindo a liña de traballo marcada polo grupo popular neste respecto”.

Na quenda de rogos e preguntas, o portavoz do grupo municipal do Partido Popular na Rúa, Álvaro Fernández, aproveitou a súa intervención para trasladar un rogo xenérico, “solicitando ao actual goberno rues que se desculpe cos veciños da Rúa polas polémicas que alimentaron, de forma partidista, durante o anterior mandato e pola xestión que están a levar a cabo (nos tres meses que levan gobernando) en favor unicamente duns poucos e obviando o interese xeral do municipio”. Tal e como destacou Álvaro Fernández, “o bo é que o tempo vai poñendo as cousas no seu sitio e vostedes son presos das súas palabras e dos seus actos”, en referencia ao que definen como “dubidosas xestións que comezan a retratar ao actual grupo de goberno e evidencian que atenden a intereses de terceiros aos que, como a eles, non lle interesaba que continuase gobernando o Partido Popular polo rigor das súas xeastións en favor do interese xeral”.

 

Casa do Concello da Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

O portavoz destacou varios exemplos, como o recente problema que existiu coa auga na Rúa xa que os populares consideran que “desde o equipo de goberno, non se actuou como se debería na atención a dita cuestión nin se informou á oposición da evolución desa situación, nin se buscaron solucións temporais de forma proactiva; simplemente limitáronse a solicitar que outros organismos e institucións solucionasen o problema e, non contentos co anterior, tentaron xusficar que non puideron atender a outras cuestións por este motivo”. O portavoz do Partido Popular na Rúa tamén subliñou a “contradición que supón o balbordo que provocaron coa anterior xestión das piscinas municipais cando agora son eles os que contratan a unha empresa para a xestión das mesmas sen haber necesidade e sen o adecuado procedemento”, xa que os populares defenden que “deixaran todo preparado para a súa apertura en óptimas condicións e coa gestión única e exclusivamente do Concello”.

Outro punto sobre o que o grupo municipal popular tamén realizou as correspondentes consultas por escrito e que se tratou no Pleno, é o “evento ‘A Rúa Vive Fest’, celebrado este verán no Aguillón e do que este Concello foi colaborador”. No que respecta a esta iniciativa privada, desde o PP manifestan que “non tiñan nada en contra da súa organización, pero que a súa obrigación é velar porque por que se fagan as cousas ben, conforme á lei pola seguridade dos nosos veciños”. Consideran unha “irresponsabilidade por parte do grupo de goberno que desen a entender aos organizadores que o grupo popular pretendía prexudicar devandito evento por non consentir, por exemplo, que Protección Civil e outros medios públicos, realizasen tarefas que non lle corresponden para o beneficio dunha empresa privada”.

Polo que respecta ás ‘Festas de Verán’ celebradas o pasado mes de agosto, o portavoz popular recriminoulle a José Vicente Solarat, que “manifestase en prensa que se incrementou o custo de contratación das orquestras pola xestión do grupo popular, aínda sabendo que, en realidade, conseguiron salvar dita contratación a pesar das trabas impostas por un dos provedores”. Tampouco consideran de recibo “que engane en prensa indicando que non se instalaron luces por falta de material e de orzamento, cando a realidade é que si existían provedores dispostos a realizar a devandita instalación e tampouco era unha cuestión económica, posto que o tripartito transferira á partida de festas 120.000€ a maiores dos 124.000€ xa dispoñibles para todo o ano (incrementando o orzamento ata os 244.000€)”. En relación co encontro de DJs no que se instalou un palco dando as costas a dous locais de hostalería situados en cálea Doutor Vila, o grupo popular sinalou que “se tratou dunha grave inxusticia xa que era un evento organizado e pago polo Concello”.

Finalmente, en relación co proceso de concesión do Refuxio, Álvaro Fernández explicou que “no mesmo traspaso de poderes se adviertiu ao actual grupo de goberno que se elaboraron as bases reguladoras do concurso público que era necesario levar a cabo de acordo co asesoramento dos servizos xurídicos do Concello e ofrecéronse varios contactos de persoas interesadas en participar no devandito proceso. Obviando o anterior, o tripartito decidiu levar a cabo un proceso disfrazándoo de adecuado pero que, novamente, os populares non consideran que fose o apropiado. Proba diso é que este proceso non foi publicado nin na páxina web nin nas redes sociais oficiais do Concello para unha maior difusión e tampouco se informou aos interesados ao rexeitar os seus contactos no citado traspaso de poderes”.

Artigos relacionados

Back to top button