
O Hospital Público de Verín retomou o servizo de Hospitalización a Domicilio coa incorporación dunha facultativa, especialista en xeriatría e con formación específica nesta modalidade asistencial, que asumirá con dedicación exclusiva a nova unidade dun xeito regrado e coordinado cos protocolos do Servizo Galego de Saúde.
O director asistencial da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Eloy Sánchez Hernández, mantivo onte unha reunión co equipo directivo do distrito, no que presentou á nova profesional, que serviu tamén para establecer o funcionamento do novo equipo no que tamén se integrará enfermería, e se reiniciará progresivamente desde hoxe.
Antes da súa incorporación ao Hospital Público de Verín, a facultativa realizou un período de formación cos equipos de Hospitalización a Domicilio da Área Sanitaria, afondando no seu funcionamento, os protocolos asistenciais e a coordinación cos distintos servizos hospitalarios e de atención primaria do distrito.
A nova responsable de HADO tamén se desprazou ao Centro de Saúde de Verín para darse a coñecer persoalmente aos seus profesionais e avanzar na coordinación con atención primaria.
Atención hospitalaria no domicilio
A Hospitalización a Domicilio permite prestar no fogar do paciente coidados de nivel hospitalario, cando a súa situación clínica e apoio socio-familiar o permiten. O acceso a esta modalidade asistencial é sempre voluntario, cando se indica un ingreso, sempre suxeito á valoración do equipo asistencial.
A hospitalización a domicilio facilita a continuidade dos tratamentos e o seguimento clínico e de enfermería sen que a o paciente teña que permanecer ingresada no hospital. A súa actividade require unha coordinación directa cos servizos hospitalarios, especialmente urxencias, e atención primaria.