CulturaCulturaEducaciónEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

O IES Cosme López da Rúa inicia un curso marcado polas medidas de seguridade

 

Por portas distintas e un a un, mantendo a distancia de seguridade e con mascarillas, ían accedendo a partir das 8:30h. deste mércores 23 de setembro os alumnos de primeiro e segundo da ESO ao Instituto Cosme López da Rúa. Deste xeito estreaban un curso 2020/2021 que vai estar marcado polos protocolos e medidas de seguridade fronte ao Covid.

Aos alumnos de 1º da ESO ofreciáselles unha recepción no salón de actos do centro á que asistía o equipo directivo, así como membros do servizo de orientación, para explicarlles a dinámica do curso e tamén do IES. Isto facíase, ademais, tendo en conta que noutros anos en xuño acostumaba celebrarse unha xornada de portas abertas, unha primeira toma de contacto dos novos estudantes co instituto, que nesta ocasión non se puido desenvolver.

Así mesmo informabáselles sobre as medidas de seguridade, da importancia da distancia social, dos circuítos a seguir á hora de moverse polas instalacións educativas, etc. Despois facían un percorrido polo centro para coñecelo e ver eses circuítos.

Entretanto, os rapaces de 2º da ESO ían entrando, tamén chamados por orde de lista, e dirixíanse á aula onde se lles explicaba as normas de funcionamento do centro neste curso, así como as medidas de seguridade establecidas.

Xa a partir das 11h. realizábase a entrada, escalonada e individual, dos estudantes de primeiro de Bacharelato, coas conseguintes explicacións sobre as novidades deste curso. Tamén iniciaban hoxe o curso os alumnos de 1º de FP de grao medio.

Así mesmo dende o instituto entregaráselle a cada alumno unha enquisa para coñecer a súa situación en canto a medios tecnolóxicos da casa para, no caso de poñer en marcha unha ensinanza online, saber as condicións de cada estudante e poder adaptarse a elas.

Neste inicio de curso gradual, mañá incorporaránse ás aulas os alumnos de 3º da ESO e segundo de Bacharelato.

Artigos relacionados

Back to top button