A Xunta de Galicia incorporará o vindeiro curso 2021/2022 ao programa de libro dixital E-Dixgal un total de 81 novos centros, 7 deles na provincia de Ourense entre os que está o IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras.
A convocatoria deste ano incluía por primeira vez a posibilidade de ampliar o programa aos cursos de 3º e 4º de ESO (ata o momento está implantado en 5 e 6 de Primaria e en 1º e 2º de ESO). Serán en total 139 os colexios e institutos que se acollan a esta ampliación, o que suporá case duplicar o número de alumnos de ESO con E-Dixgal en Galicia. Deles, cinco son da provincia de Ourense, entre os cales figuran o IES Cosme López Rodríguez da Rúa e o IES Carllos Casares de Viana do Bolo.
Ademais, dous centros educativos que xa o desenvolven en Secundaria incorporan a iniciativa tamén á etapa de Primaria. Deste xeito, o número total de centros integrados no E-Dixgal elévase a 551, 46 deles da provincia de Ourense.
Esta mellora supón, ademais, que por primeira vez un alumno galego poderá estudar con libro dixital gratuíto durante seis cursos consecutivos.
A ampliación do proxecto E-Dixgal é unha das liñas de acción da Estratexia Galega de Educación Dixital 2030, para impulsar a dixitalización do sistema educativo, e que inclúe medidas como a dotación de espazos maker e polos creativos nos centros, ou a implantación da Intelixencia Artificial no curriculum de todas as etapas educativas.