A nova oferta de ciclos, másteres e programas de Formación Profesional para o vindeiro curso 2023/2024, unhas ensinanzas cunha alta inserción laboral, do 85% en réxime ordinario e de case o 100% na FP Dual; vén de darse a coñecer nestes venres. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, informaba sobre esa oferta durante unha visita esta mañá no Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago.
Entre as novidades figura, en FP Dual, a creación dun Grao Superior de Vitivinicultura no IES Lauro Olmo do Barco, cun total de 22 prazas, o primeiro deste tipo en poñerse en marcha na parte oriental da provincia. Tamén neste mesmo eido, o vindeiro curso porase en marcha un Grao Medio de Aceite de Oliva e Viños no IES García Barbón de Verín, que incorporan tamén un GS de Automoción e un GS de Hixiene Bucodental. En total na provincia crearanse 14 novos ciclos de FP Dual.
Acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, Román Rodríguez destacaba que as 42.174 prazas de novo ingreso en Galicia que se van ofertar dan resposta ás necesidades de todos os territorios e sectores produtivos cun importante aumento da oferta na meirande parte das familias profesionais. “Na FP galega, en total, están presentes 25 familias profesionais e a oferta do vindeiro curso contempla un incremento no número de titulacións en 22 delas”, explicou antes de engadir que, ademais, en 15 familias as prazas medran máis dun 10%.
Neste senso, en función das diferentes reunións mantidas cos sectores profesionais ao abeiro do Plan Conecta FP Galicia, prodúcense incrementos significativos nas prazas ofrecidas nas familias profesionais de Industrias extractivas (+221%), Enerxía e auga (+37%), Agraria (+22%), Marítimo-pesqueira (+19%), Informática e comunicacións (+19%), Imaxe e son (+18%), Edificación e obra civil (+17,5%) e Instalación e mantemento (+15%).
Ciclos de FP Dual na provincia de Ourense para o vindeiro curso (en verde os que se crean novos)