En portadaÚltima horaVídeos

O IES Martaguisela do Barco conmemora o seu 50 aniversario cun acto simbólico

Plantaron unha árbore e descubiron unha placa no patio do centro educativo, o primeiro instituto da comarca

 

Hai medio século inaugurábase o Martaguisela no Barco, o primeiro centro educativo mixto no que cursar bacharelato en Valdeorras. Corría o mes de setembro de 1970, despois das Festas do Cristo, cando daba comezo a primeira promoción, marcando ese día un antes e un despois na comarca para poder estudar Secundaria no propio lugar de residencia.

Un feito digno de celebrar que cincuenta anos despois conmemoraban no propio centro. Non foi o acto que se tería organizado noutras circunstacias, pero as restricións provocadas pola pandemia de coronavirus impiden grandes reunións, e incluso se atrasou en varias ocasións. Así e todo, finalmente no mediodía deste venres 14 de maio, tiña lugar a celebración do 50 aniversario do IES Martaguisela.

Foi un acto simbólico e sinxelo pero tamén emotivo, cheo de lembranzas e agradecementos, celebrado ao aire libre, que contou cunha representación dos diferentes estamentos do instituto. Alumnos desa primeira xeración de comezos dos 70, José María Rodríguez e Eduardo Ojea (alumno, profesor e directivo), un representante de cada curso na actualidade e dos alumnos no Consello Escolar, profesoras deste curso, da ANPA, a directiva actual con Carmen Gamarra á fronte (tamén foi alumna e profesora neste instituto),… “Intentamos que houbera unha representación de cada departamento, porque as circunstancias son as que son. Houbéranos gustado facelo doutro xeito pero non queriamos rematar o curso sen facer algo simbólico dado que a situación está bastante ben agora mesmo. Ninguén daba un euro por este curso e está resultando moi ben. Fomos o único país que non pechou aulas e iso é digno de destacar”, aseguraba a secretaria antes de comezar o acto.

 

A directora do IES Martaguisela, Carmen Gamarra.

 

Un acto que era presentado pola propia directora, que comezaba agradecendo a presenza do alcalde, Alfredo García; da concelleira de Cultura e representante do Concello no Consello Escolar, Margarida Pizcueta; de Eladio Santos como ex alumno e tamén profesor e concelleiro de Turismo… “Grazas tamén por vir aos directores de todos os centros escolares do Barco e aos que convidamos dos concellos limítrofes porque nos parecía importante que estiveran hoxe aquí xa que celebramos os 50 anos do primeiro instituto da comarca”, dixo Carmen Gamarra.

A directora asegurou que lles houbera gustado facer un acto “aberto a todas as persoas que tiveron algo que ver con este centro, que sabemos que foron moitas, administrativos, profesores que pasaron polo centro e sobre todo alumnos, pero estamos nunha situación de pandemia que estamos levando bastante ben e non quixemos estropealo”, dixo, asegurando que confían na ciencia e na vacina e en que “quizais para o ano que vén haberá tempo de facer unha celebración con toda a xente que queira e teña interese e amor polo centro”.

No acto, o alcalde do Barco asegurou que “hoxe é un gran día non só para a comunidade do IES Martaguisela senón para toda a comarca porque este centro foi o primeiro que deu aos xoves da zona a posibilidade de estudar cerca de casa”; mentres que a concelleira de Cultura e Educación amosouse moi satisfeita do traballo que levan a cabo no centro, falando tamén como nai de dúas das súas alumnas, reivindicando a necesidade de “facer que a Lei de Educación funcione e sexa efectiva independentemente de quen goberne”. Eladio Santos, pola súa banda lembrou que non só foi alumno do IES Martaguisela senón tamén profesor durante un tempo, e pai dun dos seus estudantes, comparando a súa etapa coa do seu fillo, anos despois.

 

Daniel Blanco amenizou o acto co seu violín.

 

Os últimos en falar eran os ex alumnos, Eduardo Ojea e José María Rodríguez, quenes fixeron un repaso pola evolución do ensino e do propio instituto durante os primeiros anos. José María lembrou tamén algunha que outra anécdota tendo unha mención especial á xente vencellada ao centro que xa non está e aos que non puideron asistir por motivos de saúde como Antonio Castro Voces, outro dos alumnos desa primeira promoción.

Tralas intervencións, procedíase á plantación por parte dos dous alumnos da primeria xeración e os representantes da actual, dunha oliveira á entrada do instituto, “algo vivo como recordo deste 50 aniversario que vaia marcando o paso do tempo”; e do descubrimento dunha placa conmemorativa co logo deseñado por unha alumna, Belén Soria cunha frase de Cervantes elixida polas profesoras de lingua.

O acto contou co acompañamento musical de Daniel Blanco de 3º da ESO ao violín, e coa lectura dun texto do libro Todos somos Ulises por parte de Sandra Ramos de 2º de Bacharelato.

 

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button