
Por terceiro ano consecutivo o GEM (Grupo de Espeleoloxía e Montañismo) Águilas Verdes de Rubiá organiza, en colaboración co Concello, o Campamento Infantil de Espeleoloxía, que terá lugar na fin de semana do 13 e 14 de xullo, tendo como base de operacións o refuxio de espeleoloxía de Covas.
Trátase dun campamento dirixido a nenos e nenas de 7 a 14 anos cuxas prazas están xa cubertas. “Completáronse nun día e medio”, din dende a organización, aditantando que serán 20 os cativos que participen nesta edición cuxo programa campamento que combina a actividade deportiva coa divulgación entre os máis pequenos dos valores da natureza e da montaña a través do descubrimento da súa contorna e que manterá unha dinámica similar ás anteriores pero con algunha novidade e sorpresa.
A recepción dos participantes será no bar de Covas ás 9 horas e despois dirixiranse ata o refuxio para instalar aos nenos nas habitacións e de seguido coller rumbo ás covas Despiste e Pala de Zorra que visitarán nesta ocasión. Ao saír comerán un bocadillo á sombra e pola tarde farán unha actividade en kaiak no pantando de Penarrubia.
Trala cea, terán algún xogo nocturno, reservando para a mañá do domingo a gran sorpresa do campamento. “Tras dous anos intetándoo conseguimos que viñera o EREIM (Equipo de Rescate e Intervención en Montaña) con base en Trives que farán unha exhibición”, din dende os Águilas Verdes, adiantando que esta será sen dúbida toda unha atracción para os nenos.
Como nas anteriores edicións o xantar o día 14 de xullo será no refuxio cos pais, con entrega de diplomas e despedida en torno ás catro da tarde.




