CulturaCulturaÚltima hora

O incendio de Moreiras (Toén) deixa ao descuberto unha mámoa

Nela obsérvanse os restos da súa coiraza granítica e unha cámara da que se recoñecen a pedra de cabeceira e dúas laterais, así como outras dúas de calzo, segundo as primeiras conclusións dos expertos

 

O incendio forestal que afectaba recentemente á parroquia de Moreiras (Toén) deixaba ao descuberto unha mámoa. Agora este monumento megalítico será catalogado pola Consellería de Cultura e Turismo co fin de garantir a súa protección futura.

A xefa territorial, Sandra Quintas, e técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural visitaban este ben xunto co alcalde, Ricardo González, e representantes da Comunidade de montes veciñais de Moreiras-Trelle e os informantes do achado o xacemento.

Froito desta visita tense redactado xa unha ficha para avanzar na catalogación e proposta de inclusión no planeamento municipal deste elemento patrimonial. Neste caso, a queima corroborou os indicios toponímicos que apuntaban a presenza dun patrimonio desta natureza, posto que a paraxe na que se sitúa o conxunto chámase A Medoña.

 

Participantes na visita realizada á mámoa de Moreiras (Toén).

 

Un túmulo con corredor

Da devandita visita, tiráronse unha serie de conclusións provisionais como o feito de que mámoa de Moreiras sexa un túmulo de notables dimensións, cun diámetro aproximado de 28 metros e unha altura de 2,5.

Nel obsérvanse os restos da súa coiraza granítica e unha cámara da que se recoñecen a pedra de cabeceira e dúas laterais, así como outras dúas de calzo. Ademais, o radio oriental, lixeiramente máis largo que o occidental, podería indicar que se trata dun túmulo con corredor. Finalmente, o elemento presenta evidencias de saqueo histórico, o lateral norte atópase alterado e os restos da coiraza da mámoa amoreados sobre o túmulo.

Artigos relacionados

Back to top button