A Galicia interior segue ardendo. Continúan activos os lumes de Riodolas (Carballeda de Valdeorras) e o de Pradoalbar (Vilariño de Conso), así como os incendios forestais no sur da veciña provincia de Lugo.
Así, segundo informaba esta mañá está decretada a Situación 2 como medida preventiva no incendio rexistrado no concello lugués da Pobra do Brollón, parroquia de Saa, que afecta unhas 500 hectáreas
Segue decretada a Situación 2 como medida preventiva no lume do municipio lucense de Folgoso do Courel, parroquia de Seceda, que afecta unhas 700 ha. Tamén continúa decretada a Situación 2 como medida preventiva no incendio do mesmo concello de Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor, que afecta unhas 300 ha.
A situación dos incendios é a seguinte, segundo os datos facilitados pola Consellería do Medio Rural:
Pradoalbar (Vilariño de Conso)
Segue activo, desde as 6,57 h. de onte, o incendio do concello ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Pradoalbar. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 95 hectáreas provisionais dentro do parque natural do Invernadeiro. No seu control traballaron ata o de agora 1 técnico, 3 axentes, 16 brigadas, 4 motobombas, 2 pas, 2 avións e 5 helicópteros.
Riodolas (Carballeda de Valdeorras)
Permanece activo desde as 22,09 h. do xoves o incendio da localidade ourensá de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Riodolas, que afecta unha superficie estimada de 800 hectáreas provisionais. No seu control levan participado en total 3 técnicos, 10 axentes, 26 brigadas, 15 motobombas, 3 pas, 2 avións e 3 helicópteros.
A Pobra do Brollón
Segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal do concello lugués da Pobra do Brollón, parroquia de Saa. O incendio permanece activo desde as 20,37 h. do xoves e afecta unha superficie provisional de 550 hectáreas. Ata o de agora téñense mobilizado para o seu control 2 técnicos, 9 axentes, 18 brigadas, 8 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 4 avións.
Folgoso do Courel
Segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo no concello lugués de Folgoso do Courel, parroquia de Seceda. Este lume iniciouse á 1,40 h. de onte e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 700 hectáreas provisionais. No lugar levan traballado un total de 8 axentes, 14 brigadas, 4 motobombas, 2 avións e 2 helicópteros. Neste lume está participando a Unidade Militar de Emerxencias (UME), que despregou efectivos na zona.
Continúa decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo arestora tamén en Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor. Este lume iniciouse ás 20,42 h. do xoves e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 300 hectáreas provisionais. Ata o de agora desprazáronse á zona 3 técnicos, 10 axentes, 19 brigadas, 11 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.
Permanece tamén activo o outro lume de Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor, que comezaba o xoves ás 20,25 h. da tarde. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é de 250 hectáreas provisionais. No seu control traballaron ata o momento 14 axentes, 15 brigadas, 12 motobombas, 1 pa, 1 unidade técnica de apoio, 6 avións e 4 helicópteros.
Quiroga
Permanece activo desde as 20,29 h. do xoves o incendio no concello lucense de Quiroga, parroquia de Outeiro, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 250 hectáreas provisionais. Para o seu control lévanse mobilizado 2 técnicos, 12 axentes, 11 brigadas, 11 motobombas, 1 pa e 4 avións.
Segue activo desde as 11,42 h. de onte outro lume en Quiroga, parroquia de Nocedo, que rolda as 180 hectáreas provisionais. Ata o momento levan traballado nel 2 axentes, 4 brigadas, 2 motobombas e 2 helicópteros.
Continúa activo un terceiro incendio forestal en Quiroga, parroquia de Quiroga, que se iniciou ás 12,42 h. de onte e afecta unhas 90 hectáreas provisionais. Para o seu control mobilizáronse ata o momento 2 axentes, 10 brigadas, 6 motobombas e 2 avións.
Melón
Continúa controlado desde as 19,34 h. de onte o lume rexistrado no municipio ourensán de Melón, parroquia de Quins, que se orixinou ás 22,38 h. do martes. Segundo as últimas medicións, afecta unha superficie provisional dunhas 50 hectáreas. No seu control participaron ata o de agora 20 axentes, 31 brigadas, 27 motobombas, 4 pas, 6 helicópteros e 3 avións.
Ribadavia
Permanece estabilizado desde as 14,29 h. do xoves o lume rexistrado no concello de Ribadavia, parroquia de Ribadavia, que comezara ás 22,11 h. do luns. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 65 hectáreas. Para a extinción deste lume lévanse mobilizado 2 técnicos, 30 axentes, 61 brigadas, 44 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros e 5 avións.