En portadaÚltima hora

O incendio de Riodolas (Carballeda de Valdeorras) segue activo e afecta a 500 hectáreas

Ademais continúan activos 3 lumes forestais en Quiroga, outros 3 en Folgoso do Courel, 1 na Pobra do Brollón e outro en Pradoalbar (Vilariño de Conso)

Incendio de Riodolas (Carballeda de Valdeorras)./ Foto cedida.

 

Continúan activos un total de sete incendios forestais que superan as 20 hectáreas no sur da provincia de Lugo (nos concellos de Quiroga, Folgoso do Courel e Pobra de Brollón) e outros dous na provincia de Ourense, en Riodolas (Carballeda de Valdeorras) e en Pradoalbar (Vilariño de Conso), segundo a última actualización de datos (recollidos ata as 21h. h. de hoxe) que vén de facer pública a Consellería do Medio Rural.

O conselleiro do Medio Rural, José González, desprazábase esta tarde co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, ata A Pobra do Brollón, onde se reunía co seu alcalde, Xosé Lois Maceda, e valoraba a evolución dos incendios forestais nesa parte do sur da provincia de Lugo.

Pradoalbar (Vilariño de Conso)

Segue activo, desde as 6,57 h. desta mañanciña, outro incendio no concello ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Pradoalbar. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 70 hectáreas dentro do parque natural do Invernadeiro. No seu control traballaron ata o de agora 1 técnico, 2 axentes, 10 brigadas, 3 motobombas, 2 pas, 2 avións e 5 helicópteros.

Riodolas (Carballeda de Valdeorras)

Permanece activo desde as 22,09 h. de onte o incendio na localidade ourensá de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Riodolas, que afecta unha superficie estimada de 500 hectáreas. No seu control levan participado en total 3 técnicos, 7 axentes, 19 brigadas, 10 motobombas, 2 pas, 2 avións e 3 helicópteros.

Decretada a situación 2 en Saa (A Pobra do Brollón)

Segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal do concello lugués da Pobra do Brollón, parroquia de Saa. O incendio permanece activo desde as 20,37 h. de onte e afecta unha superficie provisional de 500 hectáreas. Ata o de agora téñense mobilizado para o seu control 2 técnicos, 4 axentes, 9 brigadas, 6 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 4 avións.

3 lumes en Folgoso do Courel, dous deles en situación 2

Segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo no concello lugués de Folgoso do Courel, parroquia de Seceda. Este lume iniciouse á 1,40 h. desta madrugada. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 700 hectáreas. No lugar levan traballado un total de 6 axentes, 10 brigadas, 3 motobombas, 2 avións e 1 helicóptero. Neste lume está participando a Unidade Militar de Emerxencias (UME), que despregou efectivos na zona.

Continúa decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo arestora tamén en Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor. Este lume iniciouse ás 20,42 h. de onte. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 300 hectáreas. Ata o de agora desprazáronse á zona 8 axentes, 13 brigadas, 9 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.

Permanece tamén activo o outro lume de Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor, que comezaba onte ás 20,25 h. da tarde. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é de 250 hectáreas. No seu control traballaron ata o momento 9 axentes, 9 brigadas, 6 motobombas, 1 pa, 1 unidade técnica de apoio, 6 avións e 4 helicópteros.

3 incendios en Quiroga

Permanece activo desde as 20,29 h. de onte o incendio no concello lucense de Quiroga, parroquia de Outeiro, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 200 hectáreas. Para o seu control lévanse mobilizado 1 técnico, 8 axentes, 7 brigadas, 7 motobombas, 1 pa e 2 avións.

Activo desde as 11,42 h. desta mañá outro lume en Quiroga, parroquia de Nocedo, que rolda as 180 hectáreas. Ata o momento levan traballado nel 1 axente, 2 brigadas, 1 motobomba e 2 helicópteros.

Activo un terceiro incendio forestal en Quiroga, parroquia de Quiroga, que se iniciou ás 12,42 h. de hoxe afecta unhas 70 hectáreas provisionais. Para o seu control mobilizáronse ata o momento 2 axentes, 9 brigadas, 4 motobombas e 2 avións.

Cualedro

Extinguido ás 20,14 h. desta tarde o lume do concello ourensán de Cualedro, parroquia da Xironda, que comezara ás 19,03 h. de onte. Finalmente, afectou 31 hectáreas de monte raso. No lugar traballaron en total 5 axentes, 13 brigadas, 6 motobombas, 1 pa, 1 avión e 5 helicópteros.

Melón

Segue controlado dende as 19,34 h. desta tarde o lume rexistrado no municipio ourensán de Melón, parroquia de Quins, que se orixinou ás 22,38 h. do martes. Segundo as últimas medicións, afecta unha superficie provisional dunhas 50 hectáreas. No seu control participaron ata o de agora 19 axentes, 30 brigadas, 25 motobombas, 4 pas, 6 helicópteros e 3 avións.

Ribadavia

Permanece estabilizado desde as 14,29 h. de onte o lume rexistrado no concello de Ribadavia, parroquia de Ribadavia, que comezara ás 22,11 h. do luns. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 65 hectáreas. Para a extinción deste lume lévanse mobilizado 2 técnicos, 28 axentes, 59 brigadas, 42 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros e 5 avións.

Artigos relacionados

Back to top button