ConcellosEn portadaÚltima hora

O incendio de Riodolas, que se estendeu polo Barco, segue activo e ten queimado 2.400 hectáreas

Seguen tamén activos o de Pradoalbar (Vilariño de Conso), que afecta a 800 has, así como 3 lumes en Folgoso do Courel, con 3.900 hectáreas queimadas e 2 na Pobra do Brollón

Incendio no Barco./ Foto: A.R.

 

Continúa decretada a Situación 2 como medida preventiva no incendio do concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Riodolas, que se reactivou por mor dun cambio de vento. A medida solicitouse pola proximidade do lume ao núcleo de Candeda.

Este incendio forestal orixinouse o xoves pasado e afecta unha superficie estimada de 2.400 hectáreas, segundo os últimos datos feitos públicos esta mañá pola Consellería do Medio Rural. No seu control levan participado en total 7 técnicos, 28 axentes, 63 brigadas, 32 motobombas, 3 pas, 8 avións e 7 helicópteros. Neste lume participa a Unidade Militar de Emerxencias (UME).

3.900 hectáreas queimadas en Folgoso do Courel

Segue decretada a Situación 2 como medida preventiva no incendio forestal activo no municipio lucense de Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor, que rolda as 2.500 hectáreas segundo as últimas estimacións. Esta situación operativa de emerxencia declarouse pola proximidade do lume ao núcleo de Parada dos Montes. Este incendio permanece activo desde o xoves pasado. No seu control traballaron ata o momento 2 técnicos, 27 axentes, 40 brigadas, 25 motobombas, 1 pa, 1 unidade técnica de apoio, 7 avións e 9 helicópteros. Neste lume tamén despregou efectivos a Unidade Militar de Emerxencias (UME), que despregou efectivos na zona.

Continúa decretada como medida preventiva a Situación 2 no outro incendio forestal activo arestora tamén en Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor. Este lume iniciouse o xoves pasado e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 300 hectáreas provisionais. Ata o de agora desprazáronse á zona 6 técnicos, 21 axentes, 32 brigadas, 21 motobombas, 1 pa, 5 avións e 3 helicópteros.

Así mesmo, segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo na parroquia de Seceda, tamén en Folgoso do Courel. Este lume iniciouse o venres pasado e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 1.100 hectáreas provisionais. No lugar levan traballado un total de 19 axentes, 29 brigadas, 14 motobombas, 6 avións e 6 helicópteros. Neste lume tamén participa a Unidade Militar de Emerxencias (UME).

A Pobra do Brollón

Segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal do concello lugués da Pobra do Brollón, parroquia de Saa. O incendio permanece activo desde o xoves pasado e afecta unha superficie provisional de 700 hectáreas. Ata o de agora téñense mobilizado para o seu control 3 técnicos, 29 axentes, 42 brigadas, 28 motobombas, 1 pa, 5 avións e 4 helicópteros.

Segue activo desde o xoves pasado outro incendio na Pobra do Brollón, tamén na parroquia de Saa, que segundo as últimas estimacións rolda as 50 hectáreas provisionais. No seu control levan traballado 1 axente, 1 brigada, 1 motobomba e 1 helicóptero.

Oímbra

Decretada a Situación 2 como medida preventiva en dous incendios activos no concello ourensán de Oímbra, pola proximidade das lapas aos núcleos de Videferre e San Cibrao. Un entrou desde Portugal pola parroquia de Videferre, ás 15,57 h. de onte, e afecta unhas 350 ha provisionais. Ata o de agora- mobilizou un total de 1 técnico, 7 axentes, 22 brigadas, 9 motobombas, 1 pa e 2 helicópteros. O outro iniciouse na parroquia de San Cibrao ás 18,46 h. de onte, supera as 20 hectáreas e nel levan traballado 3 axentes, 6 brigadas, 5 motobombas e 1 helicóptero.

Pradoalbar (Vilariño de Conso)

Segue activo desde o venres pasado o incendio do concello ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Pradoalbar. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 800 hectáreas provisionais dentro do parque natural do Invernadeiro. No seu control traballaron ata o de agora 2 técnicos, 12 axentes, 37 brigadas, 13 motobombas, 3 pas, 4 avións e 8 helicópteros.

Quiroga

Extinguido ás 00,09 h. desta madrugada o lume da localidade lucense de Quiroga, parroquia de Quiroga, que se iniciara o venres pasado e que afectou finalmente 83 hectáreas arboradas. Para o seu control mobilizáronse en total 1 técnico, 10 axentes, 21 brigadas, 14 motobombas, 2 avións e 4 helicópteros.

Permanece controlado desde as 22,25 h. do sábado o incendio que se orixinara o xoves pasado tamén en Quiroga, parroquia de Outeiro. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 250 hectáreas provisionais. Para o seu control lévanse mobilizado 2 técnicos, 18 axentes, 17 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 4 avións e 4 helicópteros.

Segue controlado desde as 23,53 h. do sábado outro lume en Quiroga, parroquia de Nocedo, que -segundo as últimas medicións sobre o terreo- rolda as 15 hectáreas provisionais. Orixinouse o venres e ata o momento levan traballado nel 1 técnico, 10 axentes, 11 brigadas, 9 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.

Ribadavia

Continúa controlado desde as 18,25 h. do sábado o lume rexistrado no concello de Ribadavia, parroquia de Ribadavia, que se iniciou o pasado luns 11. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 65 hectáreas. Para a extinción deste lume lévanse mobilizado 2 técnicos, 34 axentes, 64 brigadas, 48 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 5 avións e 9 helicópteros.

Artigos relacionados

Back to top button