Segundo vén de informar a Consellería do Medio Rural, o incendio forestal que se iniciaba ás catro e media desta tarde na parroquia de Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), supera no intre de escribir estas liñas as 20 hectáreas e continúa activo.
Tamén se incrementou o número de medios destinados a este lume, pasando dos 3 axentes, 9 brigadas, 2 motobombas, 2 avións e 5 helicópteros que estaban na zona en torno ás cinco da tarde a un total de 4 axentes, 11 brigadas, 5 motobombas, 1 pa, 3 avións e 7 helicópteros que traballan agora no seu control.
A Consellería do Medio Rural indica así mesmo que solicitou o corte da catenaria e da vía do tren entre O Barco e A Ponferrada.
A enorme columna de fume deste incendio pode verse dende boa parte da comarca de Valdeorras.
Fotos: Brif Tabuyo.
