
Nun encontro enmarcado na colaboración entre a institución provincial e a asociación valdeorresa, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitaba na mañá deste domingo 29 de xaneiro a sé do Instituto de Estudos Valdeorreses (IEV), na Casa Grande de Viloira (O Barco de Valdeorras) acompañado pola directiva do IEV encabezada polo seu presidente, Aurelio Blanco Trincado.
Alí, o presidente da Deputación e o presidente do IEV abordaron a posibilidade de tecer novas liñas de cooperación entre ambas entidades e supervisaron os detalles dunha exposición perfilada pola asociación, e na que a Deputación colabora a través do enmarcado de varias imaxes datadas en 1904.
A nova exposición do Instituto de Estudos Valdeorreses ofrece unha mirada á comarca de fai cen anos, tendo como eixo principal a chegada da electricidade a Valdeorras. Entre os materiais que formarán parte da mostra, todos eles pertencentes á colección privada de Aurelio Blanco Trincado, atópanse imaxes de inicios do século XX que inmortalizan fitos como a chegada da luz a Vilamartín de Valdeorras ou a creación da primeira compañía eléctrica en 1912. Ademais, expoñeranse fotografías panorámicas do Barco de Valdeorras que darán conta da vida da comarca naqueles tempos.

Manuel Baltar destaca “a importante labor que ten realizado nestas catro décadas o Instituto de Estudos Valdeorreses no estudo etnográfico da comarca e na posta en valor da historia, tradicións e costumes desta zona”. Pola súa banda, Aurelio Blanco Trincado resalta “a antigüidade do material que será exposto e a oportunidade que ofrece para comparar a comarca de hoxe coa de hai un século”. “É un conxunto único de obras que poño a disposición do IEV para que os valdeorreses as poidan desfrutar”, conclúe o presidente desta asociación.
Acompañando á mostra, o IEV tamén ten programada unha conferencia sobre a electricidade na provincia de Ourense e, especialmente, na comarca de Valdeorras.