CulturaCulturaÚltima hora

O IV Ciclo do Programa Universitario de Maiores da USC, do 25 ao 27 marzo en Verín

Leva por título "Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do Coñecemento"

Presentación do programa deste ciclo./ Foto: Concello de Verín.

 

Os días 25, 26 de 27 de marzo Verín será escenario do IV Ciclo do Programa Universitario de Maiores da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que leva por título “Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do Coñecemento”. Esta actividade será posible grazas a un acordo de colaboración entre a USC e este ente municipal. Esta iniciativa está dirixida a persoas de máis de 50 anos.

O programa distribúese ao longo de tres xornadas nas que se inclúen seminarios sobre temáticas diversas, e sesións prácticas, que serán impartidas por docentes da USC; entre as materias que se abordarán neste ciclo figuran o Dereito e a Criminoloxía a Educación ou Historia e o Patrimonio. As clases impartiranse no Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín (rúa Irmáns la Salle).

Na presentación oficial do programa, que tiña lugar a finais da semana pasada na Casa da Cultura de Verín, participaban Diego Lourenzo Moura, tenente de alcalde de Verín, e Alexandre Sotelino Losada, doutor en Ciencias da Educación, profesor do Dpto de Pedagoxía e Didáctica da USC e membro do equipo organizador das xornadas.

Na súa intervención, Diego Lourenzo Moura recordou que para a celebración deste evento elaborouse un estrito plan para garantir a protección das persoas participantes de potenciais contaxios de Covid-19 e destacou a importancia que teñen este tipo de iniciativas para achegar os coñecemento académicos máis actualizados ao ámbito local.

Pola súa banda, Alexandre Sotelino sinalaba que o principal obxectivo deste programa é sacar dos campus os diferentes avances en diferentes ámbitos de investigación para levalos ás persoas que se mostren interesadas en adquirir estes coñecementos. “Todas as universidades teñen tres funcións: a investigación, a docencia e a transferencia. De nada nos sirve investigar se ese coñecemento non vai en prol da sociedade”, indicaba.

Todas aquelas persoas (maiores de 50 anos) interesadas en inscribirse neste programa poden facelo, de maneira gratuíta, a través das seguintes vías:

Inscrición telefónica:

Os horarios (de luns a venres) nos que poden chamar e os números aos que terán que chamar (pedindo que os poñan con Cultura) son os seguintes: Desde ás 7:45 ás 13:30 h e das 14:30 ás 15 h, 988 410 000, 988 410 001 ou 988 410 334.

Inscrición presencial:

Luns a Venres. Casa do Concello de Verín, Negociado de Cultura (1º andar). Desde ás 7 ás 13:30 h e das 14:30 ás 15 h.

Artigos relacionados

Back to top button