OurenseÚltima hora

O IV Congreso Internacional de Turismo e Deporte celebrarase de xeito complementario a Sportur Galicia, en Expourense

As dúas citas, de acceso gratuíto, terán lugar no recinto feiral os días 30 de novembro e 1 de decembro

 

Expourense celebrará os días 30 de novembro e 1 de decembro unha dobre cita vencellada co turismo activo e deportivo que analizará o impacto no turismo da organización de grandes eventos deportivos, actividades que contribúen á desestacionalización e á achega visitantes de proximidade. Por unha banda, desenvolverase a sexta edición de Sportur Galicia, o Salón do Deporte e Turismo Activo; e, pola outra, terá lugar o IV Congreso Internacional de Turismo e Deporte. Estas dúas propostas complementarias promocionarán a Galicia como un destino atractivo e competitivo para o turismo deportivo e convocarán a profesionais de toda a Península.

Estes eventos presentábanse esta mañá en Expourense nun acto no que participaban o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; o deputado de Turismo da Deputación Provincial de Ourense e presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Aníbal Pereira; o xefe do servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, e o director deportivo de Expourense, Mario González.

IV Congreso Internacional de Turismo e Deporte

O IV Congreso Internacional de Turismo e Deporte contará coa participación de 23 expertos que analizarán o potencial e a influencia do deporte na oferta turística dun destino. O deporte está entre as tres principais motivacións dos turistas estranxeiros que visitan España o que é, sen dúbida, unha oportunidade para a diferenciación dos destinos e para o seu desenvolvemento económico.

Neste congreso analizaranse experiencias de éxito en diferentes destinos que poderían ser replicables noutros e que permitirán explorar posibles vías de crecemento neste sector económico e de emprego tan significativo como é o do turismo vinculado ao deporte, despois do grande impacto que tivo a pandemia no sector. Cómpre lembrar que o sector deportivo xera na actualidade en Galicia máis de 12.000 postos de traballo, cun volume de negocio de mil seiscentos millóns de euros (1.600 M €).

 

 

Un dos principais fíos condutores deste congreso será a organización de grandes eventos deportivos organizados tanto en cidades como en espazos naturais e o impacto que xeneran no turismo e na economía local e tamén no desenvolvemento da contorna rural. Abordarán este tema, dende distintas ópticas, o xerente da Real Federación Española de Hockey (RFEH), Llorençs Arnau; o CEO de B3 Sportainment, Finuco Martínez; o director de Lee Valley Regional Park de Reino Unido (onde se celebraron algunhas das probas acuáticas dos Xogos Olímpicos de Londres 2012), Shaun Dawson; o director xeral da Fundación “Deporte Joven” do Consello Superior de Deportes, Félix Jordán de Urríes; e o director da Área de Eventos da Federación Española de Bádminton (FESBA), Alberto Prada Carazo. Un dos grandes eventos deportivos dos que se vai falar neste congreso é o Mundial de Trail Canfranc Pirineos 2025 que converterá a esta localidade de Huesca no centro mundial de atletismo de montaña xa que se prevé a participación de 1.700 atletas de 70 países.

Neste bloque de contidos tamén se analizará as infraestruturas que unha cidade precisa para organizar un gran evento deportivo poñendo como exemplo á organización das series mundiais de Triatlón ou a organización de eventos relacionados co deporte de motor na cidade de Ourense.

Outros dos temas dos que se falará neste congreso será da “paquetización” e comercialización de ofertas de turismo activo; do aproveitamento dos recursos acuáticos para o deporte e o turismo; de dixitalización no deporte ou da formación e competencias profesionais en turismo activo.

Representantes da Asociación Nacional de Empresas de Turismo Activo (ANETA) e da Asociación Galega AGETAN explicarán ademais os novos retos e competencias na normativa do turismo activo. Pola súa parte, dende a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia presentarase á nosa comunidade como un destino natural idóneo para o turismo deportivo, de natureza e activo.

O congreso conta tamén coa participación como relatores de importantes asociacións do sector en Galicia como é o caso do Clúster Galego da Industria e do Deporte que presentará o seu “Plan 2 millóns”, un reto colectivo que busca chegar a 2.000.000 de practicantes de actividade física en 2030 (en 2022 había 1.200.000). O Clúster aproveitará a súa presenza neste congreso para celebrar posteriormente en Expourense a súa asemblea anual que reunirá a empresas do sector de toda Galicia.

A asistencia a este congreso é gratuíta previa inscrición a través da web www.sporturgalicia.com e pode seguirse de xeito presencial dende Expourense ou de xeito virtual dende calquera parte do Mundo. Neste momento, supéranse xa os 300 inscritos entre os que destacan alumnos de Formación Profesional de Galicia de ciclos vencellados coa actividade deportiva, co tempo libre e a natureza ou con turismo. Seguirán este congreso tanto de xeito presencial dende o recinto de Expourense como de xeito virtual den de as súas respectivas aulas durante as horas lectivas.

Sportur Galicia, VI Salón do Deporte e Turismo Activo convoca a medio cento de participantes entre os que destacan as federacións e clubes deportivos de Galicia que comparten espazo con destinos de turismo activo e vencellados coa natureza de Galicia e Portugal.

Artigos relacionados

Back to top button