CulturaCulturaÚltima hora

O Lazareto de Quereño

Artigo do historiador valdeorrés Antonio Castro Voces

Estación de ferrocarril de Quereño (Rubiá)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Quereño é un pobo fronteirizo. As súas terras xunto coas augas do Sil separan Galicia de Castela. Isto ó longo da historia ten xenerado máis inconvintes que ventaxas. Para comunicarse unha zona –Cabreira, Puente Dgo. Florez, San Pedro de Torres- coa outra –Quereño, Sobredo, Pardollán, Vilardexeos- utilizouse a barca, a pasarela e agora unha ponte de ferro e cemento. As relacións sempre foron fluídas e constantes: antes, mais desde a parte de León cara a Galicia pois o tren era o principal medio de transporte –mercadurías e viaxeiros- tanto cara o resto de Galicia como o resto do país: e agora, a inversa máis dende Quereño cara Puente Dgo. Flórez na procura de servizos: -bancos, médico, farmacia- ou alimentos e bebidas: bares, restaurantes, etc.

A estación de ferrocarril de Quereño inaugurouse o 1º de setembro do 1883. Tras un logo proceso burocrático e de accidentada construción, nunha solemne e calurosa mañá do mes da vendima, a comitiva real –co rei Alfonso XII e a súa dona María Cristina- á cabeza e un abundantísimo séquito de autoridades e xornalistas que os acompañaban, procedían á súa inauguración e a posta en servizo da liña ferroviaria que ía de Palencia a Coruña.

Aos dous anos da súa inauguración, no verán de 1885, instalouse nunha das súas dependencias anexas un lazareto –unha especie de garitas ou habitacións pequeñas onde se fumigaban os viaxeiros para impedir a propagación das enfermidades infecciosas- e así tentar de evitar a expansión do virus.

As deputacións galegas ante a volta inminente dos segadores galegos que estaban segando en terras casteláns e co fin de deter a pandemia declarada en casteláns –o cólera- deciden tomar medidas drásticas: establecer lazaretos nas fronteiras entre Galicia e Castela: un, instalase en Quereño, primeira estación na línea Palencia-A Coruña; outro, na Portilla da Canda, na estrada xeral de Vigo a terras de Castela; e outro, en Pedrafita, construíndo barracóns onde non houbera edificios axeitados para a inspección, provistos de médicos, desinfectantes, practicantes, gardas e demais personal. Textualmente dise que “para el establecimiento de estos lazaretos se han tenido en cuenta los puntos por donde podía entrar contrabando colérico”.

O Ministerio da Gobernación estableceu que “os segadores que volten a Galicia sexan detidos por sete días nas inspección sanitarias establecidas, alimentándoos e sometendoos a un prudente rexime hixienico”. Os responsables sanitarios encargados de por en marcha este lazareto foron os doutores: Ramon Quesada Borrajo e Antonio Rodriguez Iglesias.

O medo á pandemia era grande posto que o cólera supuxo en España uns 300.000 falecementos. Entrou pola horta valenciana espandíndose paulatinamente ó resto do país quedando tan só ó marxe a provincia da Coruña. 0s primeiros síntomas eran: vómitos abundantes, diarreas profusas, calambres, enfriamento da pel e cor “cionótico” da mesma, pulso “filiforme”, voz apagada ata chegar a afonía, ollos fundidos, etc. O único tratamento posible era a limpeza, a hixiene e o confinamento. Tamen se empregaron os lazaretos como na nosa zona.

O proceso de desinfección desenvolviase da siguinte maneira: os viaxeiros eran conducidos “a una habitación estrecha y raquítica donde sufren una cruel fumigación de ácido hiponítrico”. O mozo de estación vertía “en una cazuela o en el suelo un frasco de agua fuerte y un saquito de limaduras de cobre, los fumigados se agitan en las angustias del envenenamiento; las infelices mujeres creen llegada su última hora; un insoportable concierto de toses, quejas y blasfemias aumenta la gracia del cuadro”. Esto, parece ser, duraba un número indeterminado de minutos. “Algún médico ha esparcido la idea de que el ácido hiponítrico es un desinfectante barato y esto cuenta”.

Un dos desgraciados interfectos, un sufrido segador que respondía o nome de Anton Ferreiro cun delicioso tono satírico escríbelle unha poética carta á súa dona onde lle conta os sufrimentos; poema que foi publicado o 13 de setembro de 1885 e que dice así:

Maripepa d’a miña alma
inda as maus á boca levo
da gomitona que tiven
nantronte no lazareto.

Maxinate Maripepa
qu’en canto entrei en Quereño
y ainda no vagón estábamos
com’as sardinas nun cesto
un fato de zuruxanos
de praticantes e médicos
botaronse á nós de súpeto
levaronnos a un pendello
onde facía un calor
abafante dos infernos
que por pouco alí nos cocen
o mesmo que un pan centeo.

Cus rayos duns mexunxes
dun condenado dun cheiro
que fedia que apestaba
arrepiando o pelexo
fixeronnos gomitar
hastr’as raspas dos pementos
que engulimos en Castela
cando de aló nos viñemos.

Din que nos fan estas cousas
por unhos diaños de bechos
que non sei en que conducto
d’noso corpo traguemos.

Mais por moito que lles digan
alí ninguen nos da creto
e formigannos a forza
con xofre e ácedo fémico
¡qu’ainda os formiguen a eles
todolos diaños do inferno!

Ausi nos poñen ós probes
porque c’os outros viaxeiros
endeque son señoritos
tratanos con más respeuto
como si eles non tiveran
cal nos conductos e bechos.

A deputación provincial, o 15 de setembro dise mesmo ano, dando complimento ó acordado polo resto das deputacions galegas “ponlle fin as instalacions sanitarias de Quereño, Canda e Ramilo” ao entender que xa tiña rematado o risco de contaxios pois o perigo que supoñia o regreso dos segadores xa tiña pasado.

A historia repitese con demasiada frecuencia. Evidentemente con causas, feitos e circunstancias diferentes pero, ás veces, con consecuencias parecidas. Canto me lembra esto ó confinamento que acabamos de pasar e a chegada a chamada “nova normalidade”.

Texto: Antonio Castro Voces.

 

Artigos relacionados

Back to top button