EconomíaEconomíaÚltima hora

O lecer nocturno poderá optar a axudas de entre 2.500 e 45.000 euros polos peches de fin de ano

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria dos apoios dirixidos aos negocios que optaron polo peche entre o 31 de decembro e o 3 de xaneiro pasados. Estará aberta ata o 15 de marzo

Publicidade

 

Os titulares de negocios de lecer nocturno que optaron por pechar os seus establecementos o pasado fin de ano poderán optar a axudas extraordinarias de entre 2.500 e 45.000 euros en función das dimensións do local. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria do programa de apoio dotado con 3,5 millóns de euros.

Tal e como recolle o DOG, terán dereito a acceder a estas axudas directas os empresarios do ocio nocturno que comunicaran previamente á Xunta a súa decisión de suspender a súa actividade entre as 00.00 horas do día 31 de decembro de 2021 e as 03.00 horas do día 3 de xaneiro de 2022, conforme ao establecido na orde da Consellería de Sanidade (DOG, 29 de decembro) ante a situación da pandemia nesas datas.

As axudas suporán contías que varían en función da superficie dos establecementos. Así, para os locais de ocio nocturno que decidan pechar, prevense apoios de 2.500 euros se teñen de menos de 100 metros cadrados; 5.500 euros para os que teñan entre 100 a 250 metros cadrados; 9.000 euros para os de 250 a 500 metros; 14.000 nos que conten cunha superficie entre 500 e 700 metros; 27.000 euros naqueles que teñan de 700 a 2.000 metros; e un total de 45.000 euros para os grandes establecementos, con máis de 2.000 metros cadrados. A Xunta calcula que un total de 700 establecementos -discotecas, pubs, cafés-espectáculo e salas de festas e de concertos- poidan adherirse aos apoios que se financiarán con fondos REACT-UE no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia do Covid-19.

A concesión da axuda realízase pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario. O prazo de solicitude ábrese mañá e estará vixente ata o próximo 15 de marzo.

O DOG coa convocatoria pode consultarse aquí

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220215/AnuncioG0599-140222-0003_gl.pdf

Artigos relacionados

Back to top button