Festival de sabores e orixinalidade na XIII Ruta de pinchos “O Barco vai de viños”, que se celebrará do 11 ao 19 de xaneiro en ata 21 establecementos de hostalaría da vila. Esta mañá presentábase ante os medios esta iniciativa que pretende que “a hostalaría poida amosar a súa creatividade”, así como contribuír a “dinamizar o sector e animar á sociedade barquense para que teña tamén un pretexto para saír e desfrute da nosa restauración”, en palabras da presidenta de Araceli Fernández del Palacio, presidenta da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), que organiza a ruta co Concello do Barco e coa colaboración do Barco Centro Comercial Aberto (CCA).
Os locais participantes nesta edición serán 13/14, Bailarín, Bajo 5, Beer para creer, El Dorado, El Muro del Malecón, Excalibur, Cavernícola, La Fábrica, Maltería, La Pampa. La Unión, Los Cuñados, Maracuchos, Buraco, Piquiño, El Pollo Borracho, San Roque, Veira Sil, Tapería Agarimo e Ziz Zag.
Ademais, a presidenta de AEVA animaba, un ano máis, á poboación e aos visitantes a desfrutar desta iniciativa gastronómica, e agradecía a participación dos hostaleiros e da veciñanza “sen a súa participación tampouco sería posible”. A ese agradecemento sumábase tamén a concelleira de Comercio e Turismo do Barco, Alba Rodríguez. “Este é un evento máis que consolidado no Barco e a porta á grande festa que temos no Barco, a do Botelo. Son dúas celebracións da nosa gastronomía e cada vez son máis importantes. Animo á xente a que saia, a que se achegue aos locais e que probe os pinchos”.
A edil tamén detallaba as bases e a dinámica da ruta, que mantén o prezo dos pinchos a 2,50 euros. A ruta contará con 21 locais, organizados en 5 zonas (mencía, godello, garnacha e sousón). O público poderá votar aos seus pinchos favoritos e entrarán nun sorteo contando con alomenos o selo de cinco establecementos (como mínimo un de cada zona). Haberá tres premios para os pinchos e, ademais, como novidade, un premio para o público que suba as súas fotos cos petiscos xunto co hashtag #vaideviños24 ou #obarcovaideviños24. “Isto é un xeito máis de visibilizar a hostalaría a través das redes e darlle un extra á promoción que queremos facerlles”, dicía Alba Rodríguez.
Estes boletos deberán depositarse nas urnas das que disporán cada un dos locais e ademais darán a posibilidade de optar ao premio de 4 ceas para parellas nos restaurantes O Piquiño, Pazo do Castro e Fernando III. Estas ceas serán doadas por Distruciones Anger, Distribuciones Roca, Exclusivas Morales e Bodegas D’Berna, matizaba a edil.
Finalmente, o alcalde do Barco, Alfredo García, pechaba a presentación referíndose á aposta do Concello polo turismo e, de xeito especial, polo enoturismo. “O turismo pasa necesariamente pola enogastromía e pola restauración”, dicía, destacando tamén a importancia de que a hostalaría dea calidade e sexa imaxinativa.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.