Magín Blanco, natural da Rúa, é un músico de longa traxectoria. A súa carreira musical comezou nos anos 80 co grupo La Rosa, formación da que foi líder indiscutible e coa que publicou varios discos 1988 e 1995. Desde o 2006, lanza tres traballos en solitario e nos últimos anos foi abandonando o panorama discográfico dos adultos para centrarse na música infantil. Unha traxectoria que Carlos Rego plasmou nun libro titulado Magín Blanco, O Camiño da Luz que será presentado este venres, 17 de xaneiro no Centro Cultural Avenida da Rúa.
Este traballo recolle o relato da existencia de Magín Blanco en pequenos refachos e o do seu periplo musical con todo detalle, facendo fincapé nas condicións nas que este músico valdeorrés crea e converte en marabillas poéticas de gran calado emocional as súas composicións a partir da materia prima que o rodea.
No acto de presentación do libro, publicado por Edicións Embora e que inclúe un CD (O Camiño da luz, 1985-2019, Magín Blanco) estarán presentes o autor e mailo protagonista.