OurenseÚltima hora

O “Lorca galego” resoa na Insua dos Poetas, na XIII Festa da Palabra

O autor granadino e os seus "Seis poemas galegos" protagonizaron o evento literario que cada ano converte as campas da Esgueva (O Carballiño)

 

O “Lorca galego” foi o protagonista da XIII Festa da Palabra, o evento literario que cada ano converte as campas da Esgueva (O Carballiño) “na capital cultural de Galicia, un espazo de creatividade que pon en valor o noso ben máis prezado: a lingua”, expresou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na clausura do acto.

A lembranza do autor granadino e os seus Seis poemas galegos resoaron na mañá deste 3 de xullo mesturados coa natureza nunha celebración na que se entregaron os premios Insua dos Poetas 2021 que recaeron en: Yolanda Castaño (literatura), Vidal Souto -a título póstumo- (artes plásticas), Orfeón do Carballiño (música), Maribel Outeiriño (periodismo), Marisol Nóvoa (emprendemento), Fundación Amaranta-Ourense (iniciativa social) e Diego Martínez Duro (cultura na emigración). Todos eles recibiron unha peza escultórica orixinal do artista ourensán Acisclo Manzano.

Baltar dixo que o de hoxe “é un acto de agradecemento a Federico García Lorca polo seu amor e a súa entrega a Galicia e ás súas xentes, de dentro e fóra”, destacando a relación do poeta andaluz cos galegos da Habana, Bos Aires e Montevideo, “e sobre todo coa nosa lingua, na que escribiu os Seis poemas galegos, a obra máis traducida e difundida da literatura galega”, e sinalou que grazas a amizade de Lorca con Eduardo Blanco Amor, “no Universo Lorca, composto por planetas, galaxias, satélites e meteoritos, a partir de hoxe, Ourense ten unha fulgurante estrela de seu”.

Pola súa banda, o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar, destacou de Lorca o feito de que “soubo gañarse a simpatía da xente a través da súa alma”, e deu lectura ao discurso que Xesús Alonso Montero, hoxe ausente no acto, ía pronunciar, referido aos seis poemas de Lorca. Tamén anunciou González Tosar que a Festa da Palabra de 2022 “estará dedicada ao Grupo Brais Pinto, “un conxunto de intelectuais galeguistas que en 1958 uníronse en Madrid a prol do galego e da renovación da cultura galega ao redor da figura de Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben Cho Shey. Todos eles merecen estar na memoria de Galicia e moi presentes no futuro da nosa cultura”, dixo Tosar.

No acto tamén interviñeron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e os conselleiros de Cultura e Medio Rural, Román Rodríguez e José González. Posteriormente, descubriuse unha nova escultura na Insua, a realizada pola artista Soledad Penalta, na que se poden ler os seis textos de Lorca. Completou a parte musical do evento o Orfeón do Carballiño, interpretando Cantiga do neno da tenda, Romaxe da Virxe da Barca, Danza da Lúa en Santiago e o Himno Galego, dando paso logo á Romaría das Letras Ourensás e ao espectáculo de rock e folk a cargo do conxunto feminino A banda da loba.

Artigos relacionados

Back to top button