
“Llévate lo mejor de Ourense en el paladar”. É o lema dunha iniciativa promocional que se lanza dende a Praza de Abastos de Ourense en colaboración coa Concellería de Turismo da cidade. “Dará a coñecer aos visitantes os sabores típicos ourensáns, mediante un díptico que se ten elaborado en colaboración cos técnicos de Turismo”, segundo se informa dende a Praza de Abastos.
A modo de guía, a publicación amosa a través de 12 categorías distintas o máis típico da gastronomía ourensá, xunto coa historia da cidade e anécdotas de porqué o produto é diferente en Ourense. Na iniciativa tamén participa o sector hostaleiro da praza, que lle ofrecerá ao visitante a posibilidade de que deguste nos bares deste mercado “o produto que acaba de adquirir, mentras bebe algo ou incluso por un módico prezo prepáranlle o que acaba de comprar”, explican dende a Praza de Abastos de Ourense.
Esta información vaise distribuír nas oficinas de turismo do Concello de Ourense así como nos propios postos do mercado. Ademais poderá descargarse en formato dixital proximamente da web de turismo do Concello. Tamén se pretende levar a cabo unha ampla difusión a través das redes sociais.