OurenseÚltima hora

O multipremiado cineasta mexicano Nicolás Echevarría terá un ciclo no Festival de Cine de Ourense

A 27ª edición do OUFF celebrarase entre os próximos 23 de setembro e 1 de outubro.

O cineasta Nicolás Echevarría./ Cedida.

 

O Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) vén de desvelar hoxe parte do contido da súa programación para a próxima edición, que se celebrará entre o 23 e setembro e o 1 de outubro, contando coa visita do músico, pintor, produtor, guionista, fotógrafo e documentalista mexicano Nicolás Echevarría. O creador, que conta na súa traxectoria como cineasta con documentais, series de televisión, curtametraxes documentais e longametraxes, será o protagonista dun ciclo que xirará arredor da súa obra cinematográfica.

Deste xeito o Festival Internacional de Cine de Ourense proxectará algúns dos seus filmes como Teshuinada, Semana Santa Tarahumara (1979), polo que foi recoñecido pola Academia Mexicana de Artes e Ciencias Cinematográficas co Ariel de Plata ao Mellor Documental. Tamén se poderá ver neste OUFF Poetas campesinos (1980) e Niño Fidencio, el taumaturgo de Espinazo (1981), que supuxeron que fose finalista en diversas categorías dos mesmos premios; e María Sabina, Mujer Espíritu (1979), que se atopa enmarcado nos seus primeiros documentais relacionados co mundo indíxena.

En 1991 filmou Cabeza de Vaca, a súa primeira longametraxe de acción, escrita en colaboración con Guillermo Sheridan, baseado en Naufraxios, libro de crónicas escrito por Alvar Núñez Cabeza de Vaca, merecéndolle ser finalista de novo ao Ariel na categoría de Mellor Ópera Prima. A cinta, que tamén terá o seu pase en Ourense, representou a México no Festival de Berlín e nos Premios da Academia de Hollywood; formou parte de New Films, New Directors do Museo de Arte Moderna de Nova York (MOMA) e gañou o primeiro premio Makhila d’Or, no Festival de Biarritz, Francia, así como o premio como Mellor Película na Mostra de Cinema, en Guadalajara.

Como broche final do ciclo pasarase Eco da Montaña (2014), que inaugurou a sección oficial Native no Festival de Berlín e gañou o Premio como Mellor Documental nos festivais: Chicago International Film Festival; Festival Internacional de Cinema de Lima; RAI International Festival of Ethnographic Films, Watershed, Bristol; Film Festival della Lessina, Italia; Festival Internacional de Cinema en Guadalajara e Docs DF.

Alén disto, Echevarría ostenta o Premio Nacional de Ciencias e Artes de México na categoría de Bellas Artes (2017) e actualmente rexenta o posto de presidente do taller “Carlos Velo – UNAM”, que a Universidade Autónoma de México puxo en marcha en colaboración co OUFF e a Fundación Carlos Velo coa finalidade de apoiar a novos realizadores españoles e mexicanos que levasen a cabo obras de non ficción.

Continúa aberto o prazo de recepción de obras ata o 15 de xullo

As persoas interesadas en participar na 27ª edición do Festival Internacional de Cine de Ourense poden inscribir ata o 15 de xullo as súas longametraxes de todos os xéneros e procedencias ou as súas curtametraxes, nesta ocasión, de calquera xénero pero procedencia galega.

No caso das longametraxes, poderán ser de ficción, animación ou documentais producidas nos anos 2021 ou 2022 que non se exhibisen comercialmente, e terán que inscribirse a través das plataformas Festhome e Movibeta ou escribindo a ouff@depourense.es. Nesta categoría outorgaranse cinco galardóns: a Calpurnia á mellor película (12.000 €); o Premio Carlos Velo á mellor dirección (4.000 €); o Premio Especial do Xurado (3.000 €); o Premio ao mellor guión (3.000 €); o Premio á mellor interpretación (3.000 €); o Premio do Público (3.000 €).

Ademais tamén existirán premios paralelos formados por comisións específicas para esta tarefa como o Premio Xacobeo (12.000 €), que será outorgado por unha comisión formada por membros da organización do OUFF e a Xunta de Galicia á mellor obra con produción ou coprodución galega de todo o festival; o Premio Especial Eduardo Barreiros (3.000 €), que a organización lle outorgará á mellor opera prima do cinema español estreada entre setembro de 2021 e setembro de 2022; e o Premio CIMA, concedido pola Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales (CIMA) á mellor directora da sección oficial.

O OUFF ten entre os seus obxectivos estimular a curtametraxe en Galicia como expresión básica da creación audiovisual, polo que tamén opta ao seu propio concurso este formato, con xénero e temática libre. Nesta ocasión a inscrición será a través da plataforma Festhome e entregaranse os seguintes premios: Mellor curtametraxe de ficción (2500€), Mellor curtametraxe documental (2000 €), Premio do público (500€) e dous premios AISGE, un a mellor actor e outro a mellor actriz.

Artigos relacionados

Back to top button