Dende este venres 19 de decembro, coa retirada dos andamios, xa pode desfrutarse do mural de grandes dimensións (6 metros de ancho por 8 metros de alto), adicado ao Camiño de Inverno que está situado fronte á praza Maior do Barco, en pleno casco vello da vila e á beira desta ruta xacobea.
Trátase dunha obra do artista Juan Carlos Abraldes, que pon o foco na temática xacobea, pero tamén noutros elementos naturais e patromoniais propios do Camiño de Inverno ao seu paso por Valdeorras. Comezaba a pintalo o 27 de outubro e rematábao o 18 de novembro.
A realización deste mural, xunto con outro de gran formato na Rúa, é unha das iniciativas dun proxecto de promoción incluído no Programa AEVAempregaTE, organizado pola Asociación Empresarial de Valdeorras e financiado pola Deputación de Ourense.
Así, aproveitando o próximo remate do mural, está programado un acto para o sábado 20 de novembro ás 17:30h. que consistirá na exhibición do traballo do artista, combinada coa música en directo da banda valdeorresa “Clon Bois”, cuxo repertorio está constituído fundamentalmente por versións de rock/pop internacional.
“Trátase deste xeito de fomentar a participación dos espectadores no proceso de remate do mural, e tamén de amenizar a actividade promovendo e dando visibilidade aos músicos comarcais. A actividade será de acceso libre e gratuíto”, tal e como se informa dende Aeva.
Fotos: A.R.