OurenseÚltima hora

O Museo Arqueolóxico de Ourense súmase á celebración do Día do Libro con actividades online

Tamén terán actividades o Arquivo Histórico Provincial e o Museo Etnolóxico de Riabadavia

Fachada principal do Museo Arqueolóxico de Ourense.

 

As dotacións culturais da Xunta en Ourense celebrarán o Día do Libro cunha programación de actividades online abertas a toda a cidadanía, dende concursos a través das redes sociais ata propostas de lectura ou a edición dun libro colaborativo.

Unha das dotacións que participa na celebración desta efeméride é a Biblioteca Pública de Ourense que está a impulsar accións a través das súas redes sociais. Os interesados dispoñen de recomendacións de libros por parte do seu persoal así como imaxes ou opinións sobre libros que están acompañando aos usuarios da biblioteca durante este período excepcional.

Á iniciativa da biblioteca pública súmase a posta en marcha polos museos que, con motivo desta data, van facer visible o seu patrimonio bibliográfico. No caso do Museo Arqueolóxico de Ourense está en marcha un concurso de microrrelatos que se fallará o propio Día do Libro e cuxo premio é un lote dos últimos 10 libros publicados polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e o Grupo Marcelo Macías. Ademais, o museo porá a disposición da cidadanía o catálogo da exposición Na procura do pasado, unha mostra pensada para render homenaxe a todos aqueles arqueólogos que fixeron posible reconstruir a nosa historia.

 

Exposición temporal no Museo Etnolóxico de Ribadavia.

 

O Museo Etnolóxico de Ribadavia, pola súa banda, está a levar a cabo a edición dun libro en liña colaborativo a través do concurso O mes de abril na tradición. Os participantes están xa a facer as súas achegas no Facebook do museo, onde comparten cantigas, refráns ou cancións no que o protagonista é o mes de abril. Ademais, este equipamento cultural porá á disposición da poboación unha exposición bibliográfica en liña de revistas, recursos e libros sobre cultura popular galega a través dun álbum homónimo no seu Facebook e nun taboleiro de Pinterest. Xa por último, o propio Día do Libro no seu blog porase a disposición de todos os interesados o catálogo da exposición Colección Abrente. Arte Galega no desafío cultural do 70. Trátase da última exposición que se inaugurou no Museo antes da declaración do estado de alarma que recolle o legado de Abrente, unha asociación cultural que desenvolveu en Ribadavia una intensa actividade cultural entre os anos 1969 e 1983.

Ademais, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense conmemorará o Día do Libro divulgando a través das redes sociais o manual clásico da Paleografía hispana Escuela paleographica o de leer letras antiguas desde la entrada de los godos en España hasta nuestros tiempos, que se conserva na súa biblioteca e foi publicado en 1780 polo padre Andrés Merino. 

Artigos relacionados

Back to top button