CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O músico rues Magín Blanco volve cun novo libro disco para o público infantil

"Caderno de cores e cancións", ilustrado por Sonia García, chegará a todas as librarías de Galicia na vindeira semana

 

Compositor, guitarrista e cantante, o músico rues Magín Blanco comezou a súa carreira musical no grupo ourensán La Rosa co que editou catro discos entre 1988 e 1995. Desde o ano 2006, lanzou tres discos en solitario antes de dedicarse á música infantil, participando en moitos dos libro-discos da colección Sonárbore, como María Fumaça, Rosalía Pequeniña, Pitusa Semifusa ou Xiqui xoque, fiú fiú!.

Entre as súas principais obras encontramos A nena e o grilo nun barquiño e agora, tras dous anos de silencio regresa co seu novo libro-disco, Caderno de cores e cancións, ilustrado por Sonia García. Un diálogo entre as músicas, os instrumentos, as rimas e as sonoridades, un convite a participar nunha viaxe onde as emocións son as protagonistas.

“Sensibilidade e cor, son os elementos que caracterizan un traballo ateigado de valores, que convida ás lectoras e lectores a desfrutalo soas ou en compañía”, din dende a editorial Galaxia, destacando que este álbume está pensado para que as nais e pais o compartan coa cativada, accedendo á música de Magín Blanco a través dun QR que contén no interior.

 

Todas as cancións foron compostas por Magín Blanco e gravadas e mesturadas por Segundo Grandío en Casa de Tolos. Os textos que preceden a cada canción foron escritos polos alumnos de primaria do CEIP da Carrasqueira, en Coruxo (Vigo) agás o primeiro, que fixeron os usuarios de APMP ao remate dun obradoiro de cancións que con eles se realizou.

“Ola amigos! Como estades? Nós estamos ben. Construíndo realidades e soños tamén. Imos pasiño a pasiño percorrendo algún camiño que nos achegue ata ti”. Así comeza a banda musical deste álbum que xa é unha realidade. A partir da semana que vén, chegará a todas as librarías de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button