PolíticaÚltima horaVídeos

O nacionalista Jesús Vilasánchez dimite como edil no Concello do Barco de Valdeorras

O seu posto ocuparáo Xavi Rocha, número 4 da lista e o portavoz do BNG será Manuel Agra

 

Os bos resultados do BNG nos últimos anos, sobre todo tralas eleccións do 18F “non son froito da sorte, da casualidade nin do efecto Pontón, como di algunha xente pola rúa, senón de anos de moito traballo, reivindicacións e loita diaria por parte de toda a candidatura”. Con esta afirmación, que explicaba pormenorizadamente, o nacionalista Jesús Vilasánchez daba a coñecer aos medios de comunicación o seu cesamento como concelleiro na corporación municipal do Barco de Valdeorras.

 

 

Unha decisión “moi meditada” e que facía electronicamente na noite do 10 de marzo “para non interferir na conmemoración do Día da Muller” por motivos persoais. “Penso que isto no é unha carreira de fondo senón de relevos e cando chegado o momento (nas seguintes eleccións estarei xa máis cerca dos 70 que dos 60) un mira para os lados e vei que hai alguén que ten ganas e capacidade, o que ten que facer é apartarse. Esta é unha carreira de fondo e Xavi é unha persoa moi preparada, un rapaz novo e esta é a xente que ten que liderar o BNG no Barco”, dixo Vilasánchez.

 

 

Jesús Vilasánchez leva no Concello do Barco dende o ano 2019 e antes de deixar o cargo no Concello, que non no BNG onde seguirá, tirou de gráficas e imaxes para explicar a evolución dos resultados do BNG dende o ano 1987. “Nese momento un grupo de valentes atrevéronse a ir e apañaron 50 votos, no 91 xa non se atreveron a ir, no 95 tiveron un resultado impresionante e foron subindo ata o máximo histórico no 2003, case igualados a agora, temos un concelleiro máis pero menos votos, e o que non sabemos é por que dende ese momento se produce unha caída tan espectacular de intención de voto ata o 2015, cando entrei nun momento de caída imparable ata que empezamos a recuperarnos” e agora contan con tres concelleiros.

 

Manuel Agra.
Xavi Rocha.

 

Comparando co partido socialista, “leva dende o 2007 perdendo votos en todas e cada unha das eleccións e se seguimos as liñas da fráfica, no 2027 deberían cruzarse con nós, eles para abaixo e nós para arriba”, dixo Vilasánchez destacando asemade os duros momentos vividos en defensa da Sanidade, dos emigrantes, contra as preferentes,… nos que o BNG sempre estivo presente e ao pé de canón nuns “anos moi combativos”.

O posto de Jesús ocuparáo o número 4 na lista, Xavi Rocha, de 44 anos e programador informático, na súa primeira experiencia en política municipal. “Teño que ir aprendendo e ir pouco a pouco e no que non sei buscar xente que saiba, polo que iremos vendo que o que mellor pode facer cada un”, dixo, dando as grazas ao seu antecesor e aproveitando a ocasión para presentar a canle de YouTube adicada a soporte para temas do Concello que vén de crear para trámites. “Será só técnica”, puntualizou Xavi.

 

 

Con todo, o portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Concello do Barco será Manuel Agra quen deu as grazas á Suso pola “súa implicación co BNG, coa comarca e por suposto co Concello. Foi e seguirá sendo todo un referente no compromiso”. Agra asegurou que seguirán facendo “un labor de oposición serio e construtivo, sempre responsable”, adiantando que malia ser el o voceiro “o noso é sempre un labor colectivo, colexiado e dalgún xeito todos seremos voceiros”.

Pola súa banda Noa Fernández asegurou que seguirán traballando por mellorar O Barco.

Fotos: Carlos G. Hervella

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button