ConcellosEn portadaÚltima horaVilamartín

O oncólogo vilamartinés Rafael López recibe a Medalla Castelao

Entre os cinco premiados nesta edición do 2023 tamén estaba o empresario ourensán Lino Prada

 

Entre os galardoados nas Medallas Castelao 2023, que distinguen aos galegos que fixeron contribucións senlleiras e levaron o nome de Galicia máis aló das nosas fronteiras, figura o oncólogo valdeorrés Rafael López. Recibía este recoñecemento nun acto celebrado esta mañá en Santiago de Compostela, xunto a outros galadoados: a escritora Ledicia Costas, o grupo Siniestro Total, a deportista Susana Rodríguez Gacio e o empresario ourensán Lino de Prado. “Galicia ten nestes cinco premiados e premiadas moitos motivos para estar orgullosos e para dicir que seguimos estando de moda. Galicia está de moda, en todos os bos sentidos que significan estas palabras, grazas a moitos galegos e galegas dos que estas cinco persoas son perfectos exemplos”, dicía o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante o acto.

A Medalla Castelao é unha condecoración de carácter civil outorgada pola Xunta de Galicia ás personalidades e institucións que destacan polo seu traballo no eido artístico, literario e intelectual. A gala de entrega facíase coincidir co aniversario da aprobación do plebiscito do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia e do regreso a Galicia dos restos mortais de Castelao.

O xefe de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), o vilamartinés Rafael López, era distinguido polo seu “compromiso e dedicación para seguir avanzando na loita contra o cancro”. López, que recentemente recollía a distinción de Fillo Predilecto do Concello de Vilamartín, lidera diferentes grupos de investigación a nivel nacional e internacional e ten publicados artigos en prestixiosas revistas científicas.

Para Rueda, o galardón que lle outorga a este valdeorrés constitúe “un premio, primeiro, a súa traxectoria persoal que é moi meritoria, e a toda esa xente que loita todos os días por darlle esperanza a tantas persoas e tantas familias. Á figura do oncólogo Rafael López, xefe de Oncoloxía do CHUS, debémoslle moitos dos avances producidos nos últimos tempos. Sen esquecer nunca o factor humano e persoal na relación cos doentes. Posúe ademais a virtude de combinar sabedoría clínica, con humanidade e con pedagoxía, tan necesaria nestas situacións. Sabe transmitir e facer que os profanos nos sintamos implicados en todo o que fan e converten estas situacións tan duras en un pouco máis comprensibles e esperanzadoras”.

 

O titular da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado do seu Executivo, preside a cerimonia de imposición das Medallas Castelao 2023. Igrexa de San Domingos de Bonaval., Santiago de Compostela.

 

E na súa referencia a Lino Prado, o presidente da Xunta dicía que “resume esa biografía humana e empresarial de tantos galegos que saíron fóra a trunfar e nunca se esqueceron da súa terra. Isto é algo que nos distingue moito aos galegos. Poderíamos definir a súa intelixencia como nada artificial e moi natural, que sae do instinto humano, de superación, de supervivencia; sempre mirando cara a diante. Sabemos captar culturas, maneiras de pensar, estilos de vida diferentes, sabemos facelos nós, sen esquecer nunca de onde vimos e o que somos. Niso reside unha das claves do éxito de emprendedores como Lino de Prado e como tantos outros que foron polo mundo adiante, a México, a Latinoamérica e a tantos países da Galicia exterior”.

Artigos relacionados

Back to top button