En portadaÚltima hora

O orzamento do Barco do 2018 rozará os 9 millóns de euros

Someterase á aproboación no pleno municipal que se convocará o vindeiro 12 de abril

Neste ano o orzamento municipal do Barco cífrase en 8.919.682,42 euros, o que supón un incremento con respecto ao pasado exercicio no que ascendía a 8.582.393 euros. Así o adiantaba o alcalde barquense, Alfredo García, en rolda de prensa na mañá do 28 de marzo.

“O 2018 será un ano eminentemente inversor”, asegura o rexedor, que cifra en arredor de 1,6 millóns de euros a cantidade que se destinará a investimentos. Isto significa “incrementar en máis dun millón de euros a cantidade prevista no orzamento do ano 2017. No pasado exercicio elaborouse un plan de investimentos para o período 2017-2019 que, a día de hoxe, está executado nun 53%, ao executarse 22 das 35 obras previstas, cun custo total de 1.767.000 euros do total de 3.294.000 marcados no orzamento. Se non se teñen en conta as obras previstas para construción do novo depósito de augas, e a segunda fase da rehabilitación do Castro, que dependen de apottacións doutras administracións, a porcentaxe de cumprimento do plan chega ao 75%”, asegura Alfredo García.

Entre as obras previstas neste presuposto figuran actuacións no medio rural, no casco antigo do Barco, así como noutros puntos da vila, ademais de en edificios públicos. Tamén se contemplan a ampliación da escola infantil municipal, a construción do pavillón do colexio Julio Gurriarán ou obras de mellora en parques infantís, entre outras.

Este proxecto de orzamento xeral, que tamén aposta polo mantemento dos servizos, será levado ao pleno que se convocará o vindeiro 12 de abril.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button