OurenseÚltima hora

O OUFF abre a súa 24ª edición con “@buelos”, ópera prima de Santiago Requejo

Comezan nove días cargados de propostas nos que Ourense se converte na capital do audiovisual galego

A maquinaria do 24 Festival de Cine Internacional de Ourense poñíase en marcha na noite do 27 de setembro no Auditorio cunha gala inaugural cargada de agradecementos, emoción, homenaxes, música e, por suposto, de cine coa proxección do filme “@buelos”, a ópera prima de Santiago Requejo, que presentaba a longametraxe rodeado por tres das súas intérpretes: Eva Santolaria, Ana Fernández e Clara Alonso.

“O Ourense Film Festival, OUFF é un proxecto en mellora permanente, que o ano paadou houbo de ser rescatado polo actual equipo grazas ao interese da Deputación de Ourense, e en especial do seu presidente, que foi quen de convidarnos á Fundación Carlos Velo a afrontar ese labor, consciente de que a súa interrupción cronolóxica e mesmo a súa hipotética desaparición sería unha catástrofe para Ourense, e deixelo ao pé dos cabalos para que outras cidades galegas tomaran o seu relevo”, dicía durante a gala o coordinador artístico do festival ourensán, Miguel Anxo Fernández. Esta 24ª edición, engadía, “xa é a da súa consolidación”.

Unha edición con 15 filmes na súa sección oficial (tres delas fóra de concurso), cunha competición de curtametraxes e vídeo clips, coa incorporación da ficción televisiva, con exposicións temáticas inéditas, retrospectivas, o OUFF escola… E tamén multitude de homenaxes. A primeira delas tiña xa lugar nesta gala inaugural na que a actriz galega María Bouzas recollía o Premio AISGE (Artistas Intérpretes, Entidad de Gestión de Derechos de Propiedad Intelectual) á súa traxectoria, de mans da presidenta desta entidade, Isabel Blanco. Tamén se presentaba o xurado da sección oficial, presidido por Laura Gárdos.

Ademais nesta gala, conducida por María Mera, representantes do eido da cultura e da cidadanía ourensá disfrutaban das actuacións da Real Banda de Gaitas da Deputación así como da banda de Xosé Manuel Budiño. Deste xeito poñíase en marcha unha nova edición do OUFF, nove días de cine onde Ourense volverá a convertirse na capital do audiovisual galego.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button