OurenseÚltima hora

O ourensán Carlos Casares, homenaxeado nas Letras Galegas do 2017

“É unha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX” destaca a RAG
O escritor Carlos Casares (Ourense, 1941-Vigo, 2002)/ Foto: Carlos G. Hervella.
O escritor Carlos Casares (Ourense, 1941-Vigo, 2002)/ Foto: Carlos G. Hervella.

A Real Academia Galega (RAG) vén de facer público o nome do autor ao que se lle adicará o Día das Letras Galegas do 2017. Será o ourensán Carlos Casares Mouriño, narrador, ensaísta, articulista de prensa e dinamizador cultural. O plenario da RAG tomaba esta decisión na xuntanza celebrada na mañá do 9 de xullo. “É unha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX. Prosista en distintos xéneros, o humor e a sinxeleza e a claridade no tratamento dos temas que lle afectan ao mundo actual constitúen os trazos máis característicos do seu estilo narrativo e ensaístico, que lle reportou un gran recoñecemento do público e da crítica”, destacaba Academia no comunicado emitido tras o plenario.

A parte do seu talento literario, a RAG destaca a faciana intelectual de Casares, “de relevo extraordinario”, e tamén a súa implicación “na vida cultural, social e institucional do país”, así como o seu “compromiso inequívoco coa lingua galega”. Asemade a Academia resalta “a calidade, a vocación abertamente comunicativa e o carácter variado da súa obra, que incluíu a literatura infantil, o xornalismo e o ensaio”.

Nesta mesma reunión do Plenario da RAG nomeábase académica numeraria electa a María Pilar Jiménez Aleixandre (Marilar Aleixandre) e oficializábanse as propostas da tamén ourensá María Xesús Pato Díaz (Chus Pato) para ocupar a vacante de número producida polo pasamento de Xosé Fernández Ferreiro e a de Clodio González Pérez como académico correspondente.

Artigos relacionados

Back to top button