AutomobilismoDeportesÚltima hora

O ourensán Pablo Sampayo debutará este ano en rallys cun Peugeot 208 R2

O piloto, que cumprirá 18 anos en marzo, xa rodou en circuíto coa que será a súa montura para 2022

O xove piloto ourensán, Pablo Sampayo.

 

Na tempada 2022 o Aukor Racing Team terá un novo equipo nas súas filas. Pablo Sampayo, a piques de cumprir 18 anos, debutará en competición nun programa de 3 ou 4 carreiras aos mandos dun Peugeot 208 R2 do equipo luso BeFast Motorsport.

Pablo, nacido o 3 de marzo de 2004, afrontará as súas primeiras participacións en competición co firme propósito de “aprender, mellorar e evolucionar para un proxecto de maior envergadura o próximo ano”. Ao seu lado terá ao experimentado copiloto portugués Jorge Henriques (campión de Azores de Rallys en 2019 con Luís Rego Júnior e de Portugal na categoría de dúas rodas motrices en 2013 con Joao Barros), que xa estivo ao seu lado nunha xornada de test realizada no país veciño esta semana, co fin de coñecerse e rodar os primeiros quilómetros no Peugeot 208 do equipo.

A toma de contacto, que foi realmente positiva, serviu para que Sampayo realizase os primeiros quilómetros coa súa unidade e fose aprendendo todo o necesario para afrontar con garantías esta primeira experiencia no mundo dos rallys. O calendario deste programa inicial aínda esta por definir co equipo.

Artigos relacionados

Back to top button