CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O Pablo VI-Fátima da Rúa celebra o Día Mundial da Saúde Mental cunha completa e interesante xornada

 

Na xornada do xoves 10 de outubro, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, o Departamento de Orientación do Colexio Pablo VI-Fátima da Rúa, celebraba unha completa Xornada para o Benestar e a Saúde Mental, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, que se conmemora cada 10 de outubro.
A actividade estivo orientada a fomentar o benestar emocional entre os alumnos de secundaria, promovendo a importancia dunha boa saúde mental en todos os aspectos da vida.

 

 

Tal como explican dende o centro, durante a xornada levaron a cabo diversas actividades interactivas, como talleres de manexo do estrés, dinámicas de relaxación, degustación de froita fresca e charlas informativas sobre a prevención de trastornos mentais. Ademais, “motivouse a que os alumnos puidesen compartir as súas experiencias e preocupacións relacionadas coa saúde mental, coa orientación de psicólogos e profesionais especializados”, destacan.

 

 

O evento contou coa participación de expertos en psicoloxía e saúde emocional, quen recalcou a “relevancia de visibilizar o benestar mental como un piar fundamental do desenvolvemento persoal e académico”. A ese respecto, a orientadora do centro, Ángeles Terrón, subliñou a importancia de xerar conciencia entre os mozos sobre a saúde mental. “É fundamental que falemos abertamente sobre o benestar emocional. Queremos que os nosos alumnos entendan que pedir axuda é un acto de fortaleza e non un signo de debilidade”, dixo.

 

 

Moitos dos asistentes destacaron o valor deste tipo de iniciativas para romper co estigma que aínda rodea os temas relacionados coa saúde mental.

 

 

O Día Mundial da Saúde Mental, establecido pola Organización Mundial da Saúde (OMS), busca cada ano concienciar sobre os problemas de saúde mental en todo o mundo e mobilizar esforzos en apoio desta causa. Con esta xornada, o Departamento de Orientación do Pablo VI-Fátima reafirma o seu compromiso co benestar integral dos seus alumnos, promovendo a importancia de coidar non só o corpo, senón tamén a mente.

 

 

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button