ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O “pack mochila” de Correos “elimina o servizo postal no rural” segundo a CGT

O sindicato asegura que se lle da preferencia ao traslado da mochila do peregrino fronte ao reparto postal no rural e que non existe ningún tipo de control de peso ou seguridade

Traballadores de Correos, pertencentes ao sindicato CGT (Confederación General del Trabajo), manifestaron hoxe, 6 de xuño, o seu malestar ante “a prioridade que se dá ao pack-mochila fronte ao correo ordinario” por parte do servizo público postal. Así o dixo a delegada de CGT Ourense, Julia Iglesias. En concreto o que este sindicato denuncia é, por unha banda, que dende a empresa “algúns xefes nos din que temos que priorizar a entrega das mochilas dos peregrinos fronte a distribución do correo postal no rural”. Segundo sinalou a secretaria “isto é ilegal e vai en contra da lei de correo postal e do Servizo Postal Universal”, que o que garante é que calquera persoa en calquera punto de España ten que recibir o seu correo postal. Este servizo de “pack mochila” ten un custo de 5 euros por mochila e consiste no traslado do bulto de albergue en albergue para que o peregrino non cargue con ela.

Por outra banda, “tamén queremos denunciar a falta de seguridade deste servizo” xa que reiteran que “non existe ningún control sobre o peso -20 quilogramos por mochila- e sobre a seguridade dos elementos que conteñen devanditas mochilas”, apuntou Julia Iglesias. Neste senso, refírense a que non hai control dos contidos das mochilas “que poden conter obxectos non permitidos polo Servizo de Correos como poden ser armas brancas, baterías conectadas a dispositivos electrónicos…”. Dende CGT aseguran que, se o peregrino leva a súa mochila a unha oficina de correos “si que hai control” pero que, unha vez están no camiño e usan ese servizo para trasladar a mochila dun albergue a outro “é un compañeiro o que recolle a mochila e a leva, sen ningún tipo de control de peso nin as restricións de obxectos”.

Dende CGT aseguran que este “desmantelamento do servizo” non ten nada que ver co recorte de 60 millóns de euros nos futuros orzamentos do Estado, “que denuncian os sindicatos maioritarios”, senón que vén de máis atrás. Asemade, recalcaron que “nós o que queremos é que se aumente o persoal, non que quiten o servizo, e que lle poñan máis seguridade e control”.

Por este motivo, dende o sindicato “propuxemos solucións como dotar aos compañeiros de balanzas para controlar o peso e de sacos cun precinto para verificar que non se abren as mochilas”. Asemade, denuncian que, ao non controlar o contido das mochilas, “enfrontámonos ante riscos laborais moi altos”.

Para demostrar a veracidade das súas palabras, os membros do sindicato contrataron este servizo co que enviaron dúas mochilas. A primeira, para demostrar que non hai control de restrición de peso, cargárona con dúas lousas de granito e un saco de grava. Por outra banda, a segunda serviu para demostrar o dos controis de obxectos restrinxidos, e por iso meteron un acha, un campingas e unha bolsa de fariña simulando droga. Todo isto agochado entre a roupa.

Ambas as dúas mochilas chegaron minutos despois da convocatoria da rolda de prensa, transportadas por unha motorista de Correos e depositadas na oficina, onde os integrantes do sindicato as recolleron e as abriron nas propias escaleiras do Edificio Central de Correos de Ourense, na rúa do Progreso.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button